Novas actuacións do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós



A Deputación de Pontevedra vén de encargar o traballo de redacción do proxecto de renaturalización do Campo do Medio de Sabucedo, na Estrada, para a recuperación dos valores ecolóxicos da contorna. Trátase dunha actuación incluída no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza-Tabeirós, que acadou financiamento no marco do Plan Nacional de Sostibilidade Turística en Destinos Xacobeo convocado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio con fondos europeos Next Generation, e que vai supoñer un impulso ao turismo nestas comarcas do interior da provincia en liña cos obxectivos de loita contra o despoboamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado.

O Plan de Sostibilidade Turística de Deza e Tabeirós-Terra de Montes concede un especial protagonismo á mellora integral dos recursos ecosistémicos en dúas rutas emerxentes do Camiño de Santiago cunha grande afluencia de persoas peregrinas procedentes de Portugal: o Camiño da Geira e dos Arrieiros e o Camiño Miñoto Ribeiro. No caso do Camiño da Geira, o Plan inclúe o proxecto de rexeneración e mellora do Campo do Medio de Sabucedo, lugar onde se celebra a Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional.