A granxa de Finca Mouriscade xa está entre as doce mellores explotacións de todo o Estado tras unha espectacular suba en tempo récord que apuntala o centro da Deputación de Pontevedra como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional. A granxa vén de ascender trece postos no último ranking semestral de avaliación xenética publicado hai só uns días pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe), segundo informou o deputado Manuel González esta mañá na xuntanza do comité de expertas e expertos de Mouriscade. Con este novo salto cualitativo en só un ano e medio a Finca pasou do posto 35 ao 12 das mellores explotacións por índice ICO grazas ao programa de mellora xenética que puxo en marcha a Deputación dentro das accións para relanzar Mouriscade como centro punteiro no ámbito da agrogandería.
Tamén se informou ao comité da recente adquisición de 20 novos embrións de alta calidade xenética a unha empresa especializada canadiana, coa que se espera seguir a obter grandes resultados que continúen a mellora da base xenética do gando da Finca e do sector. A compra materializouse a través dun sistema de contratación dinámica, un procedemento moi áxil que permite dispor dos embrións de xeito case inmediato e garante a súa máxima calidade xenética. Trátase de embrións de fecundación in vitro (FIV), xenotipados e femias nun 100%, e teñen unha elevadísima calidade xa que proceden do 1% dos mellores exemplares da raza Holstein a nivel mundial.
A calidade da gandería de Mouriscade está a evolucionar de forma continua desde a posta en marcha do plan de revitalización para consolidar a Finca como referencia internacional. O centro xa lograra situar fai seis meses dúas reses entre as cen mellores de todo o Estado (nos postos 21 e 99 respectivamente) por índice ICO, e outras cinco entre as mil con máis alta puntuación.
As previsións, segundo expuxo o deputado provincial ao comité, son as de seguir crecendo a pesar de que neste nivel é xa moito máis complexo subir posicións. A Deputación fíxase como obxectivo escalar seis postos máis ata colocar a granxa entre as seis mellores explotacións a nivel nacional. “Definitivamente estamos a posicionar Mouriscade como un gran referente entre as ganderías con maior calidade xenética”, resaltou González.
Por outra banda a Deputación vén de dar un impulso á posta en marcha do laboratorio móbil, unha demanda do sector gandeiro que mellorará a implantación embrionaria nas explotacións da provincia. A furgoneta foi subministrada á Finca a pasada semana e o vehículo xa está a ser utilizado para desprazamentos veterinarios, se ben para equipalo e operar como laboratorio é preciso contratar o carrozado. O procedemento está en marcha e a previsión é que en dous meses estará en funcionamento este novo servizo. Ademais o deputado deu conta da adxudicación, o pasado día 2, da obra de rehabilitación integral da cuberta dunha das edificacións da granxa, concretamente sobre unha zona de estabulación, vestiarios e laboratorio. O importe é de 130.000€ e os traballos darán comezo nos vindeiros días. A rehabilitación suporá outra mellora no estado das instalacións, que están a ser modernizadas e dotadas de novos equipos cun alto investimento nos últimos anos.
Formación en benestar animal
O deputado deu tamén conta da formación realizada polo persoal de Mouriscade en materia de benestar animal, dando cumprimento a un compromiso establecido no Plan Estratéxico de Mouriscade. Entre o 21 e o 25 de novembro impartiuse na Finca un curso sobre anatomía e comportamento en función de raza, idade e outros parámetros; prevención e seguridade no traballo; aspectos sociais e económicos do benestar animal; calidade ética das producións; instalacións e equipos; lexislación; e actuación en casos de emerxencia, entre outras temáticas de interese.
O Plan de Comunicación é outro dos eixos estratéxicos nesta etapa para relanzar a Finca e tamén foi tratado no comité. Dentro das accións está o programa de visitas para a veciñanza, colectivos e centros escolares, que comezou en outubro cunha grande acollida. A Finca está a recibir peticións desde toda a provincia. Ademais, o 1 de decembro celebrouse alí a presentación dos proxectos do I Programa de Crecemento Empresarial organizado pola Deputación no viveiro de empresas de Lalín, polo que a institución segue a diversificar a actividade para poñer en valor o centro.
Finalmente, o deputado informou ao comité da prórroga por un ano, e cun importe de 31.000 euros, do contrato do ensilado, sementado, aplicación de herbicida, abonado e roza das parcelas da Finca.