Luz verde ao deseño do Plan Territorial de sustentabilidade turística Enogastronomía de Galicia


A Xunta autorizou hoxe a elaboración do Plan de Sustentabilidade Turística de enogastronomía de Galicia e a súa presentación na Conferencia Sectorial de Turismo. Dotado dun orzamento de 31,9 millóns de euros, o documento ten como obxectivo promocionar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel.

As accións de cohesión en destino e os plans de sustentabilidade turísticos promovidos polas entidades locais vertebran este plan, o segundo que impulsa a Xunta a través dos fondos NextGeneration da Unión Europea. O primeiro foi o Plan do Litoral galego; o aprobado hoxe polo Consello da Xunta é fundamental para a promoción enogastronómica por parte do goberno galego, que contempla este factor como un gran dinamizador do tecido socioeconómico do territorio.

A posta en valor de territorios vitivinicolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sustentable dende os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un elemento de competitividade turística son os obxectivos do plan que se vai redactar facendo fincapé na dixitalización e na innovación gastronómica. 

O documento que se presentará na Conferencia Sectorial de Turismo aposta, ademáis, por intervencións para a adecuación dos establecementos de produción enolóxica e alimentaria e dos seus contornos, co obxecto de dinamizar a imaxe física e dixital dos destinos.

Once plans de sustentabilidade turística en destino, impulsados por entidades locais e cun orzamento de 17 millóns de euros e 3 actuacións de cohesión por valor de 14,9 millóns son as intervencións que contempla o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística.