As achegas para a mellora da eficiencia enerxética nos aloxamentos turísticos galegos acadarán 7,8 millóns de euros. As bases das subvencións foron aprobadas o xoves polo Consello da Xunta, e están destinadas a hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.
Os proxectos de mellora están supeditados a que os beneficiarios reduzan o consumo de enerxía primaria non renovable un 30% respecto á situación actual e á mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono.
As actuacións subvencionables son a mellora da eficiencia enerxética de envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso das enerxías renovables nas instalacións de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, incluídas as redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía.