Lecer en decembro na Reserva da biosfera de Terras do Miño,


A Deputación de Lugo organiza este mes de decembro novas actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental na Reserva da biosfera de Terras do Miño, que xestiona a institución provincial. Están pensadas tanto para público infantil como adulto e familias.

Por unha banda, organiza un conxunto de paseos micolóxicos na zona de Lugo co obxectivo de ofrecerlle á cidadanía unha formación práctica, completa, rigorosa e de calidade sobre o estudo, recoñecemento e identificación de cogomelos. Serán os días 10, 16, 18 e 21 de decembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Están pensados para público familiar e adulto e as persoas interesadas pódense inscribir en calquera das datas habilitadas.

Logo, os días 22 e 23 de decembro haberá un obradoiro de oficios tradicionais para nenos e nenas de entre 6 a 10 anos no Centro de Interpretación de Terras do Miño. O día 22 será en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas e logo o día 23, de 10:00 a 14:00 horas. O obxectivo é achegar ao público infantil os oficios tradicionais e a súa importancia na Reserva da Biosfera Terras do Miño e a súa relación co río e as actividades da auga.

O prazo de inscrición ábrese este luns e as actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse a través das diferentes canles da institución provincial. Está habilitado o número 982.305.930 e un espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.