Galardón á Deputación de Pontevedra por incluir a Rura dos Fenicios na súa estratexia promocional


A Deputación de Pontevedra vén de ser recoñecida cun novo premio internacional, esta vez por ter incluído a Ruta dos Fenicios na súa estratexia de promoción turística. O galardón, outorgado por dous importantes e históricos itinerarios culturais certificados polo Consello de Europa como son a Ruta dos Fenicios e Iter Vitis, vén de ser recollido en Mazarrón (Murcia) durante a celebración da Asemblea Nacional da Ruta dos Fenicios.

A Deputación vén de recibir este galardón internacional polo esforzo desenvolvido para promocionar a cultura arqueolóxica combinada coa do viño. En concreto, tanto a Ruta dos Fenicios como Iter Vitis valoraron a aposta da Deputación por poñer en marcha iniciativas de innovación no ámbito do patrimonio cultural e vitivinícola, promovendo formas de turismo responsable, creativo, vivencial e sostible. Tamén recoñeceron o traballo realizado nos últimos anos pola institución provincial a través de actividades como as xornadas sobre a Ruta dos Fenicios ou o proxecto “Galaicos”, cunha exposición no Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid, en Valencia e tamén no Museo de Pontevedra, que conta ademais cun catálogo que se está a comercializar con grande éxito.

A “Ruta dos Fenicios” é o Itinerario de Diálogo Intercultural recoñecido polo Consello de Europa que atravesa países do Mediterráneo, Europa, Norte de África e Oriente Medio, estreitando así os lazos históricos que xurdiron grazas ás antigas civilizacións. Nesta Ruta, o destino Pontevedra Provincia está a ocupar un papel protagonista grazas á investigación e aos vestixios que se conservan en xacementos como o Tegra na Guarda, Punta do Muíño de Vento en Vigo, Monte do Facho en Cangas ou A Lanzada en Sanxenxo, que dan conta do intercambio económico e comercial que houbo entre estes asentamentos do Atlántico e o Mediterráneo.