El Boni, gañador do XVII Concurso de Tapas de Lugo


Os seguidores da décimo sétima edición do Concurso de Tapas de Lugo déronlle a vitoria á tapa “A leira do mar”, presentada por El Boni. Así o anunciou a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) nun acto que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo e no que estiveron presentes o presidente da patronal hostaleira, Cheché Real; a concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; a deputada de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto; a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López; o concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, e por parte do Grupo Municipal do Partido Popular asistiron Mar Carballas e Óscar Poy, así como o delegado de Estrella Galicia en Lugo, Pedro Gay.

Real agradeceu na súa intervención a participación dos hostaleiros no Concurso de Tapas, que se organiza dende a Apehl co patrocinio do Concello de Lugo, e tamén deu grazas a toda a xente que se animou a probar as propostas que os locais ofrecían. “Estimamos que se serviron preto de 34.000 tapas, xerando un volume de negocio de máis de 230.000 euros”, indicou o presidente da Apehl.

Tamén se fixo pública a decisión do xurado técnico, dirixido por Quique Rodríguez, acompañado de Juan Pozuelo Talavera, Ricardo Fernández Guerra e Mercedes González Rodríguez. O primeiro premio foi para Nadela, pola tapa “Canelón de polo de corral co seu zume e cogomelos de tempada”; o segundo premio concedéuselle a Paprica, por “Bonito, morrón, cebola e paixón. Que ricos de sabor!!!”; o terceiro premio, a El Dotmas Bar, por “#OrgasmoCulinario”; o mellor maridaxe con Estrella Galicia conseguiuno Mesón El Castillo, con “Bocado oriental”, e o mellor maridaxe con D.O. Ribeira Sacra foi para Restaurante España, con “Shabu Shabu de boi”.

Durante o acto, tamén tivo lugar o sorteo entre todos os cupóns de votación e os folletos-pasaporte depositados nas urnas. No caso dos cupóns, os premios consistían en diferentes experiencias gastronómicas como ceas en distintos locais da cidade. Tamén se sortearon os premios dos folletos-pasaporte: unha estancia para dúas persoas en Hacienda Zorita, Salamanca, e unha viaxe dunha semana de duración para dúas persoas a Budapest.