Aprobadas as bases para o concurso internacional de proxectos para rehabilitar o convento de Santa Clara (Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno as bases do concurso de proxectos para rehabilitar Santa Clara e destinar o recinto ao Museo de Pontevedra: a intención é dispoñer do proxecto definitivo a finais de 2023 e licitar as obras a primeiros de 2024. Ademais, a presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, anunciaron que o convenio de cesión do convento por parte do Concello de Pontevedra á institución provincial aprobarase no Pleno o próximo mércores día 21.

Ambos mandatarios subliñaron que o concurso internacional de proxectos vai ter alcance “mundial” e suporá a culminación dunha idea moi beneficiosa para a cidade: ampliar o Museo  provincial. Segundo destacou César Mosquera, a proposta de incorporar o recinto das Clarisas a uso museístico xa se barallaba nos anos 70 e 80 cando aínda nin existían os edificios Fernández López ou Castelao.  “Os anos pasaron e chegamos a isto, os trámites xa están listos”, dixo o nacionalista.

Pola súa banda, Carmela Silva asegurou que a Deputación se atopa ante un proceso “que vai dar a volta o mundo” e que está espertando moito interese “no mundo da arte, da cultura, do urbanismo, etc. Apuntar un proxecto como este no currículo de calquera estudo ten moitísimo valor”. Por iso, non dubidou en destacar que a rehabilitación do Convento de Santa Clara “vai ser referencia non só en Pontevedra, tamén en Galicia”. E recordou que a Deputación é “unha Administración pública que ten unha mirada de futuro, que é ambiciosa e que non se detén ante nada. Hai moito tempo que en Galicia non houbo un proceso tan ambicioso coma este. E, o máis importante, faino unha entidade local”.

As condicións para a cesión de Santa Clara do Concello á Deputación, explicou Mosquera, están pechadas: a administración capitalina cederá a propiedade, máis da metade da horta quedará para uso público, haberá uso compartido do salón de actos, e o sostemento da parte pública será responsabilidade do Concello. A Deputación, pola súa parte, subrogarase dos elementos que quedaron en depósito por catro anos (o coro, o órgano, o púlpito e os retablos) e farase cargo das obras.

Co fin de sacar adiante esas obras de rehabilitación do convento, explicou Mosquera, hoxe aprobáronse  en Xunta de Goberno as bases do concurso internacional de proxectos, que se publicarán oficialmente nos vindeiros días, e que están a espertar interese nas mellores equipas de arquitectura do mundo -que nalgúns casos xa se puxeron en contacto para obter información-.

O atractivo de acadar o contrato do proxecto de Santa Clara, segundo dixo o vicepresidente é triplo, xa que dá prestixio por actuar nun espazo emblemático, tamén por intervir nun museo tan relevante como o de Pontevedra, e tamén, por ser unha iniciativa financiada “con estándares internacionais”.

O orzamento total para abordar o concurso de anteproxectos, a redacción definitiva e a dirección de obra, xunto á súa execución, explicou Mosquera, ascende aos case 24 millóns de euros. Uns 205.700 serán para o gañador dos anteproxectos (65.500€) e os catro accésit (36.300€), 1,74 millóns de euros para os honorarios do gañador do proxecto e dirección de obra, e aproximadamente 21,8 millóns para o valor estimado da obra.

Para facer fronte a esta previsión o vicepresidente asegurou que “buscaremos financiamento debaixo das pedras, enriba das pedras, na porta do lado, na porta de arriba e na porta de abaixo. Léase Xunta, Estado, UE e se hai algunha oportunidade buscaremos noutro lado tamén, onde sexa!”, incluso admitindo a posibilidade de que se poidan realizar achegamentos de fondos por parte de entidades privadas que poidan desenvolver a cambio algún uso compatible no recinto.

En canto ao procedemento do concurso, explicouse que haberá dúas fases. A primeira será a de presentación de currículos ou portfolios por parte das empresas aspirantes, que terán 30 días de prazo para presentarse unha vez se publique o anuncio oficial. Deles haberá unha  selección dos cinco equipos con máis méritos e puntuación. Na segunda fase, unha vez elixidos os estudos de arquitectura máis destacados, estes deberán elaborar e presentar –de maneira anónima- os seus anteproxectos nun prazo de tres  meses. Finalmente o xurado seleccionará a proposta gañadora.
Para valorar os estudos de arquitectura que serán seleccionados teranse en conta o número de edificios de uso museístico de máis de 4.000 metros cadrados proxectados  anteriormente (até 40 puntos), as rehabilitación de edificios para museo de máis de 3.000 metros (até 25 puntos), os edificios de uso público de máis de 3.000 metros (até 20 puntos), e tamén os traballos de paisaxismo de contornas patrimoniais máis de 2.000 metros (con até 15 puntos).

Para seleccionar a proposta gañadora valorarase a calidade do deseño (até 50 puntos), a racionalidade técnica e económica (até 20 puntos), a eficiencia enerxética e ambiental (até 20 puntos), e a integración na contorna (até 10 puntos). As propostas que non acaden os 51 puntos serán automaticamente eliminadas.

O xurado que valorará os anteproxectos estará composto por doce persoas especialistas, seis da Deputación de Pontevedra (director Museo, xefa de xestión, secretario, xefa do servizo de Arquitectura, outra persoa arquitecta da administración provincial e o xefe do Servizo de Contratación), xunto con outras seis persoas externas (unha persoa arquitecta delegada por Patrimonio da Xunta, outra polo Concello Pontevedra, outra polo COAG, dúas persoas arquitectas de recoñecido prestixio, e unha persoa especialista en museoloxía).

En canto aos prazos, Mosquera destacou que a previsión “se non se producen atrancos” -xa que só é preceptivo o informe de Patrimonio da Xunta de Galiza- é que a finais de 2023 xa estea pechado o proxecto definitivo para a rehabilitación e ampliación do recinto conventual. Se se logra facer o traballo nese intervalo, as obras licitaranse a principios de 2024 e poderían iniciarse entre a primavera e o verán dese exercicio.