Apoio económico ós grupos de acción local do sector pesqueiro para xestionar a dinamización das zonas costeiras

A Consellería do Mar destinará 10,2 millóns de euros á aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) deseñadas polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) ata o 2026, no marco do novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027. Así deu conta o xoves o Consello da Xunta tras aprobarse a sinatura dos correspondentes convenios de colaboración entre o departamento autonómico e os GALP. 

Neste sentido, a Xunta realizou un proceso de selección dos novos GALP no marco do novo período de programación do Fempa no que resultaron elixidos os oito grupos que estaban operativos ata o de agora. Eses GALP son o da Mariña Ortegal; Golfo Ártabro Norte; Costa da Morte; Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sustentable; Ría de Arousa; Ría de Pontevedra; Ría de Vigo-A Guarda; e Golfo Ártabro Sur.