Anunciado o investimento para manter os Camiños de Santiago: 19 millóns de euros

 

O investimento para manter os Camiños de Santiago no período 2023-2025 será de case 19 millóns de euros, segundo o acordo adoptado no último Consello da Xunta. En concreto, o Goberno Galego autorizou o expediente de gasto da contratación de servizos e obra relativa para a conservación integral do Camiño.
A a administración autonómica fixo fincapé na importancia de manter en bo estado as rutas dos distintos Camiños e de coidar o estado dos roteiros e da súa contorna.
"Trátase dun esforzo importante -manifestou o presidente galego, Alfonso Rueda- pero moi rendible na imaxe que ofrece o Camiño para os peregrinos". Neste sentido, o titular da Xunta salientou o bo estado de mantemento e conservación das rutas xacobeas como atractivo de visitantes a Galicia.
O dobre ano Xacobeo trouxo á comunidade a máis de 5,8 millóns de visitantes nun período aínda sen rematar no que se fixo entrega de 450.000 compostelanas.
As intervencións comprenderán traballos no Camiño Francés, no do Norte, no Interior, no Primitivo, no Portugués e no Portugués costeiro, na Vía da Prata-Mozárabe, no Camiño de Fisterra, no Inglés e no de Inverno.
Ademáis de mantemento e acondicionamento, os 19 millóns de euros comprenden tamén mellora e reforzo da sinalización das rutas xacobeas.