Alumnos de Lugo coñecen granxas e proxectos agroalimentarios de toda a provincia co programa "Da escola á Granxa"

 

A Deputación de Lugo presentou na Feira do 12 de Becerreá o programa Da Escola á Granxa, que está achegando a escolares de primaria a granxas e proxectos agroalimentarios de toda a provincia. A boa acollida desta iniciativa por parte da comunidade educativa e de granxeiros e granxeiras foi obxecto de exposición e análise durante unha mesa redonda que completou a xornada lúdica organizado por Rente ao Couce durante o sábado e na que se destacou a contribución do programa a poñer en valor o traballo de gandeiros e gandeiras e dar a coñecer a gran potencialidade do noso rural e o orgullo e autoestima dos nosos agricultores e gandeiros.

A presentación desenvolveuse no marco dunha palestra na que tamén se deu a coñecer  o programa Froiteiras de Noso do Sindicato Labrego Galego, que pretende recuperar variedades de árbores froiteiras case extintas a partir dun traballo organizativo por comarcas coa xente sobre o territorio para identificar e recoñecer estas variedades e poñelas en valor e que conta tamén con financiamento da área de Medio Rural.