Reforzo de máis de 4,4 millóns de euros para comercializar produtos vitivinícolas nos anos 2023 e 2024
Fomentar a agrupación dos elaboradores dos primeiros produtos da cadea de alimentación coa agrupación do asociacionismo agrario; impulsar procesos sustentables dende un punto de vista ambiental por medio das enerxías renovables e o correcto tratamento de residuos son os obxectivos das achegas para fomentar a elaboración e comercialización vitivinícolas que a Consellería de Medio Rural convocará para o próximo ano e 2024.
O Consello da Xunta aprobou o xoves un investimento de máis de 4,4 millóns de euros para reforzar o rendemento das empresas deste sector, incrementar a súa competitividade e promover a súa adaptación ás necesidades do mercado.
As empresas vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e as organizacións interprofesionais serán as beneficiarias das subvencións, que comprenderán dende custos de construción, adquisición e mellora de bens inmobles e nova maquinaria e equipamentos, valor de mercado do produto e investimentos anteriores ata adquisición de licencias ou desenvolvemento de patentes
O Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) é a entidade que financia estas subvencións, ás que se poderán acoller os interesados dende a publicación do anuncio no DOG e ata o día 31 de xaneiro de 2023.
Esta línea de achegas tamén busca fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva de calidade. Tamén forman parte dos obxectivos da convocatoria favorecer a innovación e a implantación de produtos e novas presentacións, incrementar a dimensión das empresas e dar un pulo á participación dos viticultores na cadea de valor, ademáis de promover a incorporación de tecnoloxías dixitais nas empresas.