A zona arqueolóxica de Adro Vello, no Grove, declarada Ben de Interese Cultural

O Consello da Xunta aprobou o decreto de declaración como ben de interese cultural (BIC) na categoría de zona arqueolóxica de Adro Vello, o que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei do patrimonio cultural de Galicia e o maior nivel de protección deste xacemento arqueolóxico do concello do Grove. O Goberno autonómico culmina así o procedemento iniciado en 2021 para declarar BIC esta zona situada no bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar. Fundaméntase no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros da Comunidade galega.