O obxecto destes acordos é apoiar as actividades que realizan estes colectivos a prol da recuperación, conservación e fomento das razas. En concreto, autorízase a Consellería do Medio Rural a asinar un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), cunha achega por parte do Goberno galego de 220.000 euros, para continuar coa execución de actividades de conservación dos recursos zooxenéticos autóctonos das razas Ovella Galega, Cabra Galega e Porco Celta.
O segundo acordo establecerase coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), cunha dotación de máis de 1,2 millóns de euros, para a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos das razas e dos seus produtos derivados, fomentando o seu uso comercial como elemento clave para a súa conservación. Neste caso as razas amparadas son as bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción (limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa), así como a Ovella Galega, a Cabra Galega e a Galiña de Mos.
Un terceiro convenio asinarase coa Asociación Nacional de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga) para impulsar o programa de consolidación e diversificación desta raza, cunha achega da Consellería de 600.000 euros.
Outro acordo subscribirase coa Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel) por importe de 513.000 euros, para financiar actividades de recuperación, conservación e fomento desta raza porcina.
Por último, en relación co cabalo de pura raza galego, asinaranse dous convenios. Un deles coa asociación de criadores, por valor de 243.000 euros e outro coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego, por importe doutros 174.000 euros. No primeiro caso, a finalidade do convenio é a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos da raza. No segundo, financiaranse actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes da raza en actividades deportivas, de exposición e de lecer.