A ONCE e o Concello de Lalín xa retomaron a aposta por un cocido solidario para 1.111 persoas

 

O Concello de Lalín e a ONCE manteñen contactos para a celebración dun cocido solidario para 1.111 persoas en Madrid. O ano pasado, o COVID obrigou a suspender este acontecemento. O alcalde, José Crespo Iglesias, confirmou que a institución mantén contactos coa Organización Nacional de Ciegos para que a cita se celebre no mes de marzo.
Crespo anunciou que o presentador de informativos de Telecinco José Ribagorda será o pregoeiro da LV edición da Feira do Cocido. O Concello considera a este xornalista como un referente no mundo da televisión e unha figura "perfecta" para encargarse do pregón da cita anual lalinense. José Ribagorda tivo unha experiencia televisiva no eido da gastronomía nos anos 2012 e 2013 co programa Cocineros sin estrella, ademáis de ser editor da web "De las cosas del comer", un exitoso portal gastronómico con informacións sobre actualidade do sector.
Ademáis dos seus nexos coa gastronomía a través das súas publicacións e da páxina web, o xornalista -comendador da Feira- despregou unha importante cobertura mediática na cadea de Mediaset en todas as edicións dunha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia, segundo destacou Crespo. O primeiro edil avanzou que o Concello está a negociar con Telecinco "a posibilidade de que se desenvolva algunha acción de promoción especial da feira na LV edición, coa emisión dalgunha reportaxe ou programa puntual dende a capital do Deza en torno ao cocido".