O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu en rolda de prensa para confirmar que a Deputación vén de obter financiamento europeo para executar un ambicioso proxecto no que leva traballando dende hai tempo e que suporá a construción na cidade herculina do maior estudo virtual de produción audiovisual de Galicia e un dos maiores de España.
Estivo acompañado alcaldesa da cidade, Inés Rey, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Jorge Algora.
"Trátase dun proxecto pioneiro, unha gran aposta pola innovación que converterá a Galicia nunha referencia do sector audiovisual a nivel estatal e europeo grazas a un investimento de 6,7 millóns de euros", explicou o presidente, que detallou que 5M€ estarán financiados con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno de España a través dos fondos Next Generation e 1,7M€ con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados polo servizo de Desenvolvemento Territorial co apoio do centro NEXT da Deputación no Concello da Capela.
Formoso incidiu en que o proxecto suporá "un posicionamento estratéxico de Galicia" dentro do Plan "España, Hub audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025 e destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.
"Imos ofrecer ao sector audiovisual ese apoio de infraestrutura virtual que vai a permitir recrear aquí na Coruña unha rúa do Soho do Nova York ou a fachada do palacio de Buckiham", explicou Formoso, que destacou o carácter innovador dun proxecto "que dá resposta ao reto que o sector audiovisual galego está a asumir co despegue das plataformas dixitais e as innovacións constantes que se producen a nivel mundial. "Situamos a Galicia como un territorio idóneo e competitivo para a localización de rodaxes, producións e posproducións", afirmou.
Valentín González Formoso subliñou a importancia do sector audiovisual galego, que representa hoxe o 28% do total da industria cultural, xera máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros e agrupa a 707 empresas na comunidade, o 76% delas na provincia da Coruña. "Galicia está hoxe á vangarda na produción de produtos audiovisuais de calidade a nivel nacional e conta con empresas líderes na industria do cine, as series, a televisión ou a animación, pero ten aínda un gran potencial de crecemento que queremos axudar a desenvolver completamente nos vindeiros anos con este proxecto", afirmou.
A situación elixida para este novo e pioneiro espazo especializado en produción audiovisual virtual é a Cidade das TIC da Coruña, co obxectivo de "crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderase atopar boa parte do talento dixital que innegablemente vai necesitar o sector audiovisual nun futuro moi próximo", explicou Formoso, que agradeceu a colaboración da UDC, o Concello da Coruña, o Clúster Audiovisual Galego (decenas de empresas audiovisuais apoiaron o proxecto) e o Clúster TIC. "Demóstrase unha vez máis que a colaboración das diferentes administracións é clave para sacar adiante os grandes proxectos de país", subliñou o presidente.