A Deputación lanzará en 2023 os premios Turismo Sostible da provincia de Pontevedra

 

A presidenta da Deputación Carmela Silva abriu a xornada “Boas prácticas en xestión turística” no auditorio de Vilagarcía xunto ao o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o concelleiro de Turismo da cidade, Álvaro Carou, facendo un chamamento ao “diálogo” e ao “traballo en positivo”, presumindo da “excelencia” do sector turístico da provincia e reflexionando sobre o turismo experiencial, a transformación dixital e as boas prácticas empresariais.

Na xornada, organizada polo Clúster en colaboración coa institución provincial, a presidenta anunciou “en primicia” o lanzamento dos primeiros premios “Turismo Sostible Provincia de Pontevedra”, que a Deputación vai entregar na Gala Provincial do Turismo 2023, e que nacen co obxectivo de “visibilizar a aposta das empresas da provincia pola sostibilidade” e “recoñecer as tres mellores propostas” impulsadas por entidades turísticas vencelladas á provincia. “Non hai nada que nos permita avanzar máis que ver exemplos de éxito e non haberá éxito se non apostamos por un modelo sostible” remarcou a presidenta.

Na apertura da xornada “Boas prácticas en xestión turística” , Carmela Silva sinalou que “podemos presumir de que o Clúster de Turismo ten sido capaz de establecer relacións, tanto co conxunto do sector, como coas administracións públicas, para impulsar o turismo, esta actividade económica que crea riqueza, emprego, e referencia á provincia de Pontevedra”. A presidenta enxalzou a importancia do “traballo en positivo” a través de iniciativas como esta xornada que permiten “reflexionar e marcar o camiño por onde debemos ir”. Remarcou tamén o papel “referencial” e de “excelencia” da provincia de Pontevedra en canto ao turismo en Galicia e fixo fincapé na evolución das preferencias das persoas viaxeiras, que “hoxe buscan experiencias”, así como en cuestións como a transformación dixital, o big data, “fundamental para tomar decisións intelixentes”, e as boas prácticas empresariais, subliñando que “somos a provincia con máis distintivos SICTED de toda España”.
Pola súa banda, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, detallou os principais obxectivos da xornada centrados na mellora da competitividade asociada á dixitalización e sustentabilidade, “dúas ferramentas clave para facer fronte aos novos desafíos”. En canto á transformación dixital Pardal fixo fincapé na aplicación de tecnoloxías como o big data, a intelixencia artificial ou o 5G pero tamén no desenvolvemento sostible e na aposta por un  turismo comprometido coa contorna. Felicitou á Deputación polos “bos datos turísticos colleitados pola provincia” e agradeceu “o firme apoio que estades dando ao sector”. Nese senso subliñou a necesidade de “comprometernos coa aplicación das boas prácticas, apoiándonos na colaboración público-privada para consolidar Galicia como destino intelixente, sostible e que proporciona experiencias únicas”.

A xornada afondou tanto nas boas prácticas no destino como na xestión empresarial, contando con expertas e expertos como María Troncoso, de Hostalería polo Clima; Emilio Torres, de Vía Verde e do Aceite; Paulo Queiroz, de JPQ Consultores;  Rafael González, socio director de Viventia Value e Roberto Fraga, CEO de Pilgrim. Tamén houbo oportunidade de coñecer cuestións relativas á análise e previsión do turismo a través do Big Data, da man de Fiorella Petrone e Jaime de la Calzada de Amadeus, e sobre experiencias turísticas a través da conferencia impartida polo consultor especializado en turismo Víctor Sixto.