A Deputación apostou polo turismo de calidade e sostible na provincia de Lugo con 50 intervencións en 2022

 

O Consello Provincial de Turismo da Deputación de Lugo impulsou ao longo deste ano medio cento de actuacións na súa aposta polo turismo de calidade e sostible. A vicepresidenta deste órgano, Pilar García Porto, destacou que o turismo pasou a ser unha das bases das actuacións políticas da institución provincial, dado que se trata dun sector capaz de xerar riqueza e emprego, que promove a imaxe de Lugo e que xera opcións de desenvolvemento en zonas rurais, que se abren á recepción de novos habitantes. 
García Porto manifestou que esta estratexia "aproveita o inmenso patrimonio natural e cultural da nosa provincia".
Nesta liña, a planificación permitiu amosar Lugo por medio de distintas actividades, como o programa Actívate, no marco de cal se desenvolveron 24 iniciativas entre abril e xullo e no que participaron 275 persoas que puideron coñecer os recursos turísticos máis representativos da provincia. Exitoso foi tamén o programa de actividades fluviais, que se celebrou nunha decena de localidades de interior entre xullo e agosto; pola súa banda, Saborea a túa provincia promocionou os produtos de proximidade no marco dunha experiencia gastronómica. A planificación turística foi este ano moito máis alá con visitas guiadas, xornadas de aproximación os viños da terra, asistencia a feiras específicas, organización de congresos e colaboración co tecido asociativo da provincia.