A Consellería do Mar crea un novo departamento na súa aposta pola modernización do sector

 

A creación dun departamento integrado na Consellería do Mar e denominado Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos de Mar -incluído na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica- reforzará os impulsos que a Xunta está a dar ao incremento da demanda, os prezos e ingresos dos profesionais da pesca e do marisqueo.

Un decreto aprobado no último Consello da Xunta modifica a estrutura orgánica da Consellería co obxecto de cubrir as necesidades da evolución da actividade marítimo-pesqueira en Galicia, o que fai que a cadea mar-industria adquira cada vez máis peso na xeración de novos produtos transformados.

As modificacións axudarán os administrados porque axilizarán cuestións que lles xurdan no marco da súa actividade. De feito, o departamento dependente da Xunta procurará continuar coa optimización da xestión dun sector que supón case un 5% do PIB Galego e que se relaciona con máis dun 90% das actividades económicas da comunidade.