Xornada formativa en enoloxía homologada pola Wine & Spirit Education e promovida por Acruga



Un total de 25 representantes de adegas amparadas baixo os diferentes selos de calidade dos consellos reguladores de viños e augardentes galegos participaron no balneario de Laias, en Cenlle (Ourense), nunha xornada formativa en enoloxía homologada pola Wine & Spirit Education Trust (WSET).

Esta acción foi impulsada dende a Asocicación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga), con respaldo da Xunta de Galicia, a través do Igape, e impartida por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy.

A iniciativa enmárcase nas accións de formación para o apoio á internacionalización do sector, que Acruaga impulsa co apoio do Igape. Unha das principais actividades formativas promovidas pola Asociación, no último ano, foi un programa orientado a directivos de empresas vitivinícolas e impartido por docentes da Galician Business School. Neste 2022, as accións formativas de Acruaga culminan coa organización do curso celebrado hoxe, que se corresponde cun nivel 1 da WSET (cualificación de nivel 1 en viños WSET).

“Trátase dun curso de introdución para explorar os principais estilos de viño de forma práctica, desenvolvendo as habilidades sensoriais para describilos e elaborar maridaxes”, destaca Juan Gil de Araujo, presidente de Acruaga. Aposta pola formación continua Promover a excelencia, a internacionalización e a formación continua son parte dos obxectivos da asociación que aglutina aos cinco consellos reguladores de viños galegos e ao de augardentes.

Acruaga promoveu ao longo de 2022 a presenza conxunta dos viños e augardentes galegos nas relevantes feiras internacionais de Vinexpo (París) e London Wine Fair (Londres). Proximamente, ademais, impulsará unha acción promocional común na capital de Holanda. Forman parte de Acruaga os consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, ademais dos II.XX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia