Vigo inicia a montaxe dos elementos decorativos e luminosos do Nadal


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou do comezo dos traballos de instalación da Bóla de Nadal en Urzáiz e da Caixa de regalo da Gran Vía, que finalizarán esta semana. “Imos ter o mellor Nadal que houbo nunca”, avanzou.

Abel Caballero deu conta da evolución dos traballos de montaxe dos elementos decorativos e luminosos do Nadal de Vigo, cuxa iluminación se acende o vindeiro 19 de novembro, previsiblemente ás 20:30 horas do serán.

“Imos ter o mellor Nadal que houbo nunca; imos ter unha afluencia excepcional de xente porque hai unha enorme expectativa co Nadal de Vigo, que xa se confirmou como de ámbito planetario”, sinalou o rexedor, que lembrou que as festas deste ano supoñerán un aforro de enerxía do 14,6% co adiamento do acendido media hora e co adianto, tamén media hora ,do apagado diario da iluminación. Así, a cidade supera os requisitos e a solidariedade que pide a Unión Europea (un aforro do 7,5%). “En Vigo faremos o dobre”.

Este martes empezou tamén a montaxe da Caixa de agasallo da Gran Vía con 17 metros de altura, 8 metros de ancho e 15 metros de percorrido lonxitudinal pola Gran Vía. Os traballos finalizarán en catro días.

Na Porta do Sol, está instalada xa a base da Árbore do Nadal de Vigo, que este ano ten 1,5 metros de altura. Comezará a montaxe este próximo xoves, día 4 de novembro.

Tal e como informou o rexedor, unha vez instalados estes elementos decorativos, o goberno municipal iniciará a montaxe do Boneco de neve, o Castelo, o Bosque de Nadal, a estrela e os sets luminosos que imos situar en Policarpo Sanz, na rúa do Príncipe e Eduardo Iglesias.