Coa proposta do Club de Produto Galicia Destino Sostible como fío condutor e os moitos e variados atractivos da nosa terra como pano de fondo, o Clúster desenvolveu en días pasados un Press Trip para dar a coñecer o contido desta iniciativa a un grupo de xornalistas de medios de ámbito nacional, espazos web e representantes da prensa portuguesa.
Os participantes percorreron entre o xoves 10 e o sábado 12 parte de Galicia descubrindo algúns dos espazos naturais e paisaxísticos máis destacados da comunidade e deixándose conquistar pola oferta de aloxamentos, restauración e propostas complementarias que o sector turístico galego pon ao alcance de todos aqueles que nos visitan.
Viajablog, Traveler, Tiempo.e, Un Mundo Alrededor, Revista Renfe, Gente Viajera Onda Cero, Tus Destinos, National Geographic Viajes, Revista Otros Destinos, Diario do Minho e a resvista Minha, foron os medios que estiveron representados neste Press Trip cuxa primeira parada foi na Coruña para percorrer en bicicleta eléctrica o seu paseo marítimo. Despois, os participantes tiveron tempo para visitar outros espazos emblemáticos como a localidade de Malpica, onde asistiron á poxa de peixe na lonxa; a Ribeira Sacra, para gozar das súas paisaxes, o seu patrimonio e a súa cultura vitivinícola, e a Rías Baixas, cuxas augas sucaron en barco para achegarse ao mundo da pesca e o marisqueo
O restaurante Currican, o hotel spa A Quinta da Auga, a bodega Regina Viarum, o Ecomuseo Pazo de Arxeriz, o Parador de Monforte de Lemos, Quinta Sacra, Bluscus, e o restaurante Pepe Vieira son algunhas das empresas que representaron a oferta turística gallega e a Galicia Destino Sostible durante estas tres xornadas que se enmarcaron no programa de accións promocionais do novo club de produto posto en marcha polo Clúster co apoio da Xunta de Galicia e que en pouco máis de catro meses de vida supera xa o medio centenar de membros.
Os participantes, que tiveron ocasión de charlar co presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, o resto dos membros do comité de avaliación do Club de Produto, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, mostraron a súa satisfacción pola experiencia vivida e a autenticidade das experiencias e actividades realizadas. Ademais, cualificaron de acerto a creación do Club de Produto.