Santiago promociónase na feira británica máis importante do turismo


Turismo de Santiago participa esta semana na WTM de Londres, a feira máis importante do mercado británico, que ten lugar en Londres entre o 7 e este 9 de novembro. Nesta feira turística participan máis de 50.000 profesionais do sector. Arredor do 50% deles son británicos, pero tamén hai unha importante presencia de profesionais europeos e asiáticos.A entidade municipal conta con mostrador no Stand de España e está mantendo unha intensa axenda reunións con profesionais do sector, tanto de profesionais británicos interesados en España como de outros mercados emisores, dado o carácter global que ten esta feira, unha das máis importantes de Europa.

Segundo os estudos de Turespaña, as viaxes seguirán sendo unha prioridade para o mercado británico no 2023 pese ao contexto de incertidume económica. Os turistas británicos reducirán gastos esencias noutras actividades antes que nas viaxes. un 55% sinala que aforrará en comer fora, un 48% en actividades de ocio, un 40% en compras e un 35% en vaixes.

España continúa sendo o primeiro destino dos británicos cando viaxan ao estranxeiro. O principal motivo polo que os británicos viaxan é o sol e a praia, seguido dos city breaks e a naturaleza. Neste sentido, este segmento do mercado británico interesado nas escapadas a cidades e na natureza é unha oportunidade para Santiago.

Con esta participación na WTM, Santiago continúa coa intensa axenda de promoción internacional de cara a consolidar a importante reactivación no turismo estranxeiro que se está producindo xa neste 2022, ano no que a presenza de turismo internacional en Santiago superou ao español en pernoctacións nos meses de maio, xuño e setembro.

Dende comezos de setembro, Turismo de Santiago participou na feira de turismo de luxo ILTM Asia Pacific, adicada ao segmento do turismo de luxo dos mercados asiáticos e de Oceanía; a feria Jata de Tokio, a máis importante das feiras turísticas que se celebran para o mercado xaponés; as Spain Tourism Summit, unhas xornadas específicas organizadas por Turespaña para os mercados de Brasil e Arxentina; e nunhas xornadas de comercialización organizadas por Turespaña para o mercado polaco, con obradoiros de traballo en Varsovia e Cracovia.