Rueda resalta o valor turístico do visor ‘A paisaxe de Galicia desde a bicicleta’


O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, resaltou o valor turístico do visor ‘A paisaxe de Galicia desde a bicicleta’ que propón 2.300 quilómetros a través de 52 rutas pola Comunidade. O titular da Xunta, que realizou hoxe un tramo da Ruta do Salnés de algo máis de 30 km., animou a escoller entre a ampla oferta “para pedalear ou camiñar” a través da paisaxe galega, desde a Ribeira Sacra á praia das Catedrais, o Xurés ou os Ancares, con rutas seguras e naturais de diferentes niveis de dificultade.

Rueda subliñou que logo dun verán sen precedentes para o turismo galego, chega un outono no que Galicia tamén abunda en ofertas culturais, paisaxísticas e gastronómicas para desfrutar e descubrir “que vivimos no mellor lugar do mundo”, como se pode comprobar tamén co patrimonio natural divulgado a través das 14 guías da Colección Paisaxe Galega para recoller “o fermosismo” da Comunidade, ou co Atlas da Paisaxe do Camiño de Santiago.

O titular do Goberno galego animou a darlle ao Xacobeo o remate que merece para consolidar unhas cifras espectaculares, co récord histórico de 430.000 compostelas que Galicia está a piques de acadar. Subliñou, ademais, que a estas alturas do ano “xa levamos máis viaxeiros que no total de 2019, o mellor ano ata o día de hoxe”.

Nos primeiros nove meses do 2022 Galicia superou nun 45% os niveis acadados no mesmo período do ano pasado, rachou por primeira vez a barreira dos dez millóns de pernoitas, incrementou nun 26% o turismo nacional e duplicou o internacional. “Temos un sector turístico potentísimo”, asegurou Rueda, quen animou a seguir traballando “para que o ano que vén e os seguintes sexan tamén moi bos, porque contribúe á boa marcha da economía de Galicia”.