Recoñecemento en España a Lugo polo seu impulso do Comercio Interior


O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Secretaría de Estado de Comercio, vén de recoñecer o especial labor e apoio do Goberno de Lara Méndez ao sector comercial lucense. Faino a través dos Premios Nacionais de Comercio Interior 2022, que galardoan o traballo dos concellos nas súas actividades de renovación urbana comercial, e dos pequenos comercios, no seu labor de desenvolvemento comercial e modernización empresarial.

Na categoría de concellos de máis de 25.000 habitantes, só houbo dous recoñecementos, o de Lugo, como único accésit que o Ministerio optou por dar este ano, e o de Zaragoza, primeiro premiado.

A Alcaldesa de Lugo sostivo que “é unha honra este recoñecemento para o Concello e o esforzo dos comerciantes lucenses, que refrenda o traballo que realizamos dende o executivo nos últimos anos, especialmente durante a pandemia, para defender o comercio de proximidade do noso municipio e promover a súa actividade”.

O xurado do certame valorou especialmente a estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo lanzada pola alcaldesa, trala pandemia, dentro da cal se enmarca o movemento Localmente Lucense, de apoio ao comercio e a hostalería da cidade, que inclúe formación, asesoramento, actividades de networking e diferentes liñas de axuda a estes sectores.

Así mesmo, tiveronse en conta as actuacións en materia de accesibilidade postas en marcha polo Concello, para facilitar o acceso aos comercios do municipio; a creación e promoción do viveiro de empresas da Tinería; ou as diferentes edicións do programa Inicia Coworking, de fomento do emprendemento na cidade. Tamén se valorou a posta en marcha da estratexia Lugo Transforma, pioneira no ámbito municipal.

A tenente de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, participará mañá, 10 de novembro, na cerimonia de entrega destes premios que terá lugar no Parque Zelai Arizti, en Zumárraga (Gipuzkoa). O acto estará presidido pola ministra, Reyes Maroto, e contará coa participación da Secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, ademais doutras autoridades do País Vasco, como o alcalde de Zumarraga, Mikel Serrano; ou o Delegado do Goberno nesta comunidade, Denis Itxaso; así como representantes dos Concellos e asociacións galardonadas.

Na categoría de Concellos de menos de 25.000 habitantes o premiado foi o anfitrión do acto, Zumárraga. Mentres que na categoría de Centros Comerciais Abertos o gañador foi a Asociación para a Promoción do Comercio Urbano de Vitoria-Gasteiz “Gasteiz-on” (Álaba) e, na de Pequeno Comercio, a rede de librarías Santos Ochoa, con sede en Logroño (La Rioja).