Numerosas reunións e encontros, e un bo número de contactos realizados son o resultado máis visible da intensa actividade desenvolvida polos representantes do sector turístico galego na pasada edición da feira turística internacional World Travel Market, celebrada en Londres entre o luns 7 e o mércores 9 deste mes de novembro. Galicia foi unha das catro comunidades, xunto ao País Vasco, Madrid e Castilla-La Mancha, que se integrou na caseta de Turespaña na WTM. Alí, a Axenci Turismo de Galicia tivo un espazo promocional no que á súa vez reservou unha zona de reunións que o Clúster Turismo de Galicia puxo ao dispor dos participantes na misión comercial que promoveu, un ano máis, a esta cita turística, unha das máis importantes do calendario internacional.
O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o vicepresidente, Jesús Picallo, e o tesoureiro, Alfonso Martínez, encabezaron esta misión integrada por case unha vintena de empresas e entidades: Viaxes Interrías, Tee Travel, Circuitos Galicia, CN Travel, Galicia Villas, MEGA Mundo Estrella Galicia, Hotel Pirámide, Grupo Carrís, OCA Hotels, Duermingbeds, Pazo Los Escudos Hotel & Spa Resort, Pazo do Río, Hostal Monasterio de Moraime, Gesca Hoteles, Paco & Lola, Nest Style Santiago, y Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Avituyrga).
Durante a súa estancia na WTM, a delegación do Clúster participou en diversas actividades e encontros. A xornada inaugural permitiulles intercambiar impresións cos máximos responsables da delegación española: o secretario de Estado de Turismo e presidente de Turespaña, Fernando Valdés, e o director dese organismo estatal, Miguel Sanz. Ademais, puideron conversar e estudar posibilidades de colaboración cos representantes doutras entidades homólogas, como é o caso do Clúster Turístico Destino Jerez, con cuxo presidente, Antonio Mariscal, con quen mantivo Cesáreo Pardal unha reunión na que tamén tomou parte a concelleira de Turismo do Concello de Jerez, Isabel Gallardo.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presente tamén na WTM, destacou as boas oportunidade que a feira londiniense supuxo para o turismo galego pola súa capacidade para poñer ao alcance dos compradores británicos un destino non masificado, con conexións aéreas directas e voos de poucas horas de duración.