Pontevedra valora a promoción como capital gastro, inda que Cuenca foi a galardoada


Non puido ser. Pontevedra quedou finalmente ás portas de converterse en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023, un galardón que recaeu en Cuenca, unha cidade que presentaba candidatura por terceira vez. Pero, con ou sen título, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, continúa firme no seu obxectivo de posicionar á nosa cidade como capital española do turismo gastronómico, convencida de que “Pontevedra é o lugar onde mellor se vive e come do mundo”. Un lema do que Turismo de Pontevedra sacará peito durante estes días na Feira Internacional de Turismo de Interior (Intur) de Valladolid.

Non obstante, a socialista subliñou que “nós abandeiramos un proxecto referente a nivel autonómico e estatal que é Pontevedra Capital Gastro, que comezou a asentar un calendario de eventos gastronómicos desde moito antes de que nin sequera pensaramos en presentar a nosa candidatura a CEG”. “Temos que seguir. Este é un proxecto que ten vocación, xa non de continuidade, senón de identidade para a nosa cidade. Queremos poñer en valor á nosa hostalería, aos nosos cociñeiros e cociñeiras, que haxa un retorno e que se poida situar o foco sobre o turismo gastronómico, algo que sen dúbida acadamos con esta candidatura. O Plan de Sostibilidade Turística en Destino que vimos de aprobar en Xunta de Goberno Local -apuntou Blanco- ten dúas liñas claras de actuación: unha é a da o ecoturismo, que vai abandeirar o concelleiro Iván Puentes, coa súa estratexia Pontevedra Flúe; e a outra, a do turismo gastronómico, a través da potenciación de Pontevedra Capital Gastro. Máis de dous millóns de fondos europeos que veñen en boa parte para a dinamización da hostalería e para acadar retorno económico”.

A edil do PSOE amósase moi satisfeita co ‘podio’ acadado nesta primeira candidatura, máxime cando “sabiamos que Cuenca estaba forte, xa que era a terceira vez que se presentaba e estaba a facer unha aposta moi forte”. En todo caso, Yoya Blanco incidiu en que “os nosos cociñeiros son os mellores do mundo, con referentes como o Estrella Michelin Iñaki Bretal, que vén de abraiar ao mundo en Miami, ou Rubén González Vallejo (de El Cafetín), que gañou o título á Tapa Máis Innovadora no Campionato de España celebrado en Valladolid”. “O público sabe de sobra que Pontevedra ten os mellores produtos e cociñeiros, que somos os mellores”, afirmou a concelleira.

Para Blanco, Pontevedra acude a Valladolid “liderando un modelo de cidade que permite desfrutar non só dun turismo de natureza, senón tamén dun gastroturismo” que se traduce nun envexable calendario de eventos consolidados, como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest, o Pontedetapas, o Mestizaxes, o Pontealmorzo, o Entroido Gastronómico… “Hai cidades que presentaron eventos unicamente para a candidatura a CEG. Nós temos eventos que xa estaban no calendario desde moito antes e iniciativas tan pioneiras como a incubadora e aceleradora de proxectos Gastro Lab. Temos un camiño percorrido e cousa van seguir en 2023”, apuntou a concelleira de Promoción Económica e Turismo.