Pontevedra entrega a colleita de kiwis de Santa Clara ao comedor social de San Francisco


O Concello de Pontevedra fai entrega da colleita de kiwis do convento de Santa Clara ao comedor social de San Francisco. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, aproveitou a ocasión para coñecer á nova dirección do comedor trala súa renovación

Máis de 90 quilogramos de kiwis foron entregados nas dependencias do comedor de San Francisco. O Concello de Pontevedra foi o promotor desta iniciativa tras apañar a froita que se dá en Santa Clara co fin de que non quedase estragada e sen ser aproveitada.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, participou no acto de entrega da froita. A visita serviu tamén para que o rexedor puidese coñecer ao novo director do comedor, Humberto González, trala renovación deste cargo, antes ocupado polo pai Gonzalo. «Cómpre lembrar que a orde das clarisas é unha orde que garda relación cos franciscanos, polo que esta colleita tamén ten certo aspecto de homenaxe a esa relación», explicou o alcalde. «Son kiwis da casa, colleitados hai apenas un día e agardamos que sirvan para que a xente que utiliza o comedor de San Francisco poida comer froita fresca, naturais e de calidade».

«O Concello colabora con nós bastante máis do que se pode pensar. Cando hai necesidades, imos ao Concello e sempre nos atenden moi ben», sinalou o pai Gonzalo no momento da entrega. «Supoño que os iremos despachando rápido, xa que con dous ou tres kiwis para cada un, pois xa se vai enseguida. Aquí as cousas que veñen non se estragan».