A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa a comercialización da marca Artesanía de Galicia no Mercado da Estrela, que se vai celebrar en Santiago de Compostela os días 16, 17 e 18 de decembro no segundo andar da obra social de Abanca. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na rolda de prensa celebrada no Concello de Santiago de Compostela na que se presentou a programación desta nova edición.
Un ano máis, Artesanía de Galicia protagoniza un dos espazos desta feira creativa que xa é un clásico na programación do Nadal compostelán e que este ano chega á súa undécima edición. Os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía poderán solicitar a súa participación e deberán empregar o packaging oficial da marca Artesanía de Galicia durante todo o evento. A cota de participación contará cunha bonificación asumida pola Fundación Artesanía de Galicia co obxectivo de apoiar a comercialización da marca Artesanía de Galicia durante a campaña de Nadal e darlle visibilidade aos oficios artesanais.
O Mercado da Estrela é un festival gratuíto no que se amosa o talento e a creatividade de profesionais galegos de diferentes disciplinas e que se realizarán en diferentes espazos: Claustro Procesional e Hospedaría de San Martiño Pinario, ademais da obra social de Abanca, este último ocupado en exclusiva por profesionais da marca Artesanía de Galicia. A feira creativa abrirá ao público de 17:00 a 21:00 horas, o venres 16, e de 11:00 a 21:00 horas o sábado e o domingo.