O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, realizou esta semana unha sementeira de arredor de 108.000 unidades de semente de ameixa babosa no banco do Bohído da ría de Arousa. Esta acción desenvolveuse de forma coordinada entre a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro (Centro de Investigacións Mariñas e Igafa) e a Asociación Rañeiras/os da Ría de Arousa -que xestiona o banco- e os exemplares foron producidos no minicriadeiro que o centro educativo ten para a formación de bolseiros na modalidade de empresa tutelada.
A sementeira realizouse nunha zona acoutada do banco, á que se lle realizará un seguimento para analizar a súa evolución. De feito, os mergulladores do Igafa marcaron o perímetro da sementeira e procederon á colocación das unidades a man, para deixalas o máis preto posible do fondo. A maiores, os alumnos do centro tamén van estudar a supervivencia e crecemento dos exemplares mediante a colocación dunha gaiola con 600 individuos repartidos en seis caixas. Ademais o perímetro da sementeira foi rodeado por nasas cebadas co obxectivo de evitar a mortalidade pola presenza de depredadores.