O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na clausura da XXIII edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar. Na súa intervención, o titular do Medio Rural reafirmou o seu compromiso coas producións galegas de calidade, para as que se investirán máis de 5,4 millóns de euros en 2023 para súa promoción.
Neste senso, entre as accións contempladas está a presenza dos produtos agroalimentarios en feiras tanto nacionais como internacionais, o fomento de ciclos curtos a través de soportes como internet, o apoio o labor de promoción dos consellos reguladores dos distintos selos de calidade ou a realización de campañas de promoción, como a que está en marcha de Ternera Gallega Suprema, que implicou un investimento de 1,4 millóns de euros da Xunta en colaboración coa IXP, explicou o conselleiro.
Ademais, José González sinalou a importancia da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que denominou como unha caixa de ferramentas necesaria para recuperar terra e seguir crecendo. Neste sentido, indicou que o camiño está en continuar vinculando a xestión do territorio ás producións de calidade, adicionalmente á prevención, e seguir mobilizando hectáreas, pois xa son máis de 9.300 hectáreas as que se están mobilizando en toda a nosa comunidade ao abeiro destes instrumentos.
Tamén mencionou a futura Lei da calidade alimentaria, que será unha panca na que se asentará a produción de proximidade, a produción san e sostible e a produción de calidade, que sempre identifica a gastronomía de Galicia, asegurou o conselleiro do Medio Rural.