A cidade de Vigo acolleu a última iniciativa promocional da Denominación de Orixe Monterrei, na que estiveron presentes máis de medio centenar de profesionais do canle Horeca de toda a provincia.
O Círculo de Empresarios de Galicia acolleu unha ampla representación do sector de hostalería, distribución, sumillería ou restauración. Entre eles atopábanse membros dos establecementos Casa Marco, Alameda 10, A de Quique, Chinchorro, Lourido, Rueiro, Veloso ou O Retiro da Costiña. Así como representantes de Distribuciones Galicor ou Pablo Piñón, ou xornalistas de medios como Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña, Onda Cero ou Cepas y Vinos, entre outros.
Os asistentes a esta iniciativa recibiron información sobre as características edafoclimáticas deste territorio vitivinícola, a súa tradición e historia, ademais de variedades de uva ou tipoloxías de viño. Así mesmo puideron coñecer as peculiaridades dos viños das adegas que formaron parte desta acción promocional: Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada e Manuel Regueiro García.
“Non é a primeira vez que realizamos unha acción destas características na cidade olívica, e tiñamos claro que debiamos repetila, xa que se trata dun mercado atractivo para o noso produto, polo importante número de establecementos de hostalería e restauración cos que conta”, manifesta a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, “permitindo, deste xeito, ás nosas adegas ampliar as canles de comercialización para os seus produtos”.