Mato prepara con Saura a cesión dun espazo destinado a terraza exterior do Parador de Ferrol


O alcalde, Ángel Mato, reuniuse co presidente de Paradores de Turismo, Pedro Saura, para tratar diversos asuntos relacionados co establecemento que a empresa pública ten en Ferrol. Entre eles, analizouse a proposta do Concello para que o Parador da cidade aproveite parte da zona axardinada de titularidade municipal situada nas inmediacións co fin de que dispoña dunha terraza exterior.

O rexedor ferrolán, que se desprazou a Madrid para manter varios encontros de traballo relacionados con temas de interese para Ferrol, mostrouse satisfeito pola acollida desta idea por parte de Saura, quen lle avanzou que proximamente se desprazará á cidade o secretario xeral de Paradores, Francisco Ferrer, co fin de analizar in situ as posibilidades que ofrece o espazo público para habilitar unha área que dea servizo á cafetería e na que se poidan celebrar eventos. Ambos acordaron que o Concello defina unha proposta para a cesión do espazo, que podería formalizarse baixo a figura da concesión.

Mato mostrou a súa confianza en que o proxecto materialice de cara ao vindeiro verán co obxectivo de dinamizar unha zona emblemática da cidade, con gran atractivo turístico polas súas vistas sobre o Arsenal e a ría, e remarcou tamén o carácter público da empresa coa que o Concello aspira a acadar o acordo.