A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, presentou esta semana a campaña #NadalmenteLucense. Trátase da campaña, promovida polo executivo municipal, para dinamizar os barrios da cidade e promover o comercio e a hostalería lucenses durante o período navideño, dentro da Estratexia global de reconstrución e reactivación da economía de Lugo, lanzada pola rexedora trala pandemia.
Esta campaña contará con tres piares, tal e como explicou Lara Méndez, que serán os seguintes: a organización do primeiro mercado municipal Nadalmente Lucense, na Praza Maior, inspirado nos mercadiños europeos, “co fin de darlle aos negocios da cidade a posibilidade de ofrecer os seus produtos nun dos espazos máis emblemáticos e transitados do municipio”; a realización de accions de dinamización nos distintos barrios da cidade; e asesoramento e formación in situ aos comerciantes “para a posta a punto dos seus establecementos de cara á campaña de vendas do Nadal”.
“Queremos aportar recursos e ferramentas para que o comercio de proximidade poida afrontar esta campaña navideña mellor preparado”, apuntou a rexedora, quen subliñou que “as diferentes actuacións darán comezo o vindeiro xoves, 1 de decembro”.
Estarán enmarcadas no Plan de Recuperación post pandemia e dinamización dos barrios do movemento Localmente Lucense, que inclúe actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín ou Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños no río, así como actividades especiais centradas no barrio da Tinería.
Toda a información sobre esta campaña e as bases para a participación no mercadiño poden atoparse na páxina web www.localmentelucense.gal/nadalmentelucense.
A alcaldesa informou que o mercadiño “abrirá o día 1 de decembro e manterase aberto durante todas as datas de Nadal”. “Estará composto por 20 casetas de madeira que poremos a disposición dos comerciantes de maneira gratuíta; un poboado navideño para os máis pequenos coas cores de cada agrupación de barrios; e o Oasis de Ben-Alí, onde o mesmisimo emisario dos reis magos estará esperando para escoitar as peticións dos máis pequenos”, subliñou Méndez.
“Tamén estará o Fogar de Santa Claus, que recollerá todas as peticións, e instalaremos a fábrica de xoguetes dos elfos, un recuncho máxico onde participar en obradoiros de Nadal: soñando, inventando e creando os agasallos que os pequenos poderán logo regalar. Así mesmo, o mercado incluirá un laboratorio de proba de xogos, onde os nenos e nenas axudarán aos elfos a comprobar se os seus xogos son divertidos para todos/as os nenos/as e maiores”.
“Como dixen, queremos crear un espazo máxico e moi navideño e adornado con cor, luces e persoaxes que axudarán na ambientación”, explicou Lara Méndez.
O mercadiño disporá de actividades de animación e entretenemento, pensadas para todas as idades, pero especialmente para os máis pequenos como maxia, concertos e espectáculos diversos, que manterán o espírito navideño. Para os compradores, todos os días haberá sorteos de premios cos tíckets de compra realizadas no mercado e acumulados durante a xornada.
Neste senso, a rexedora “animou aos comercios dos barrios de Lugo a que se inscriban no mercadiño porque será unha excelente ocasión para impulsar os seus negocios e darlles visibilidade”.
As casetas cederanse por quendas semanais a produtores e comerciantes lucenses. A asignación dos postos realizarase por orde de entrada de solicitudes e, tamén se valorará: a idoneidade e carácter de Nadal dos produtos expostos e o feito de seren produtos locais ou realizados en Galicia. Ademais da caseta e da decoración exterior da mesma, se lles axudará na loxística da montaxe e contarán con asesoría personalizada tanto na decoración como nas técnicas que lle axudará a mellorar as súas vendas.
O horario de apertura e atención ao público das casetas será de 11:00h a 14:30h e de 16:30h ás 21:00h. No caso das festividades: o día 24 o horario de peche do mercadiño será ás 18:00h e o 31 ás 14:30h. Así mesmo, os expositores que o desexen poderán ampliar o horario de apertura.
Paralelamente, a campaña de Nadal incluirá actuacións de promoción, divulgación e sensibilización nas distintas agrupacións de barrios da cidade, de cara a fomentar o consumo na hostalería e establecementos locais.
Deste xeito haberá: sets decorativos con temática de Nadal nas principais prazas das agrupacións de barrio da cidade, con buzóns de peticións (Praza Agro do Rolo; Horta do Seminario; Praza de Augas Férreas; Praza Camiño Primitivo; Praza Fonte dos Ranchos e Sagrado Corazón), animación de rúa a cargo de dous animactores caracterizados de elfos navideños; agasallos LocaLmente Lucense de Nadal; e un sorteo de vales de compra todos os venres do mes de decembro.
Para participar neste sorteo, os interesados deberán presentar un tícket, por importe superior a 10 euros, dunha compra realizada nesa semana e enviar a foto ao correo: nadal@localmentelucense.gal. Deste xeito, os veciños e veciñas entrarán a participar no sorteo semanal de tres vales por importe de 200€, 100€ e 50€, publicado a través das redes sociais cada venres, acumulando así os tícket de cada semana.
No marco da campaña Nadalmente Lucense, tamén se ofrecerá formación e asesoramento in situ sobre escaparatismo, iluminación e packaging (envoltorio dos productos) aos establecementos comerciais e hosteleiros de Lugo, adheridos ao movemento Localmente Lucense.
“Deste xeito, seguimos a achegar ferramentas aos emprendedores da cidade para que maximicen as súas posibilidades de negocio, dando un valor engadido ao seu producto, especialmente de cara á campaña navideña que comezará nas vindeiras datas”, lembrou a edil Ana Abelleira, quen apuntou que “un equipo de profesionais poñerase a dispor dos comercios ou establecementos que así o desexen para asesorar, formar e sacar o maior proveito dos seus escaparates e locais; tamén se lles facilitará información e trucos para o aforro enerxético e a distribución dos seus produtos dunha forma sostible e creativa”.