...E para comer Lugo, para tapear tamén


Os 37 establecementos que participan nesta edición do Concurso de Tapas de Lugo son os seguintes:3 Pés, A Adega, Anda, Antas, Bulló Xantar, Casa d´Auga, Eduri, El Boni, El Dotmas Bar, El Riba, El Santuario de Magnus, España, Galo, Gran Café, Karrusel, La Cosechera 1977, La Esquina, La Terraza del Méndez, Las Cinco Vigas, Legends Café, Manuel Manuel, Mesón El Castillo, Nadela, O Castor, O Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado, Paprica, Parada 33, Portal 36, Pulpería O Castelo, Prebe, Rabuda, San Marcos Café, Taberna Daniel, Toni Portela e Tosar.

Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl); Maite Ferreiro, concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo; Ana María González Abelleira, Tenente de Alcaldesa e titular da Área de Cohesión e Dinamización Social; Cristina López, concelleira de Participación e Servicios para o Vecindario, e o delegado de Estrella Galicia en Lugo, Pedro Gay, inauguraron esta mañá en El Boni a décimo sétima edición do Concurso de Tapas de Lugo, que comeza hoxe ata o 20 de novembro. A final terá lugar a fin de semana seguinte, 25, 26 e 27 de novembro.

Un ano máis, o certame está organizando pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.

Durante o acto, o cociñeiro de El Boni, José Luis Pardo, explicou a tapa que presentará este ano aos seus comensais, A leira do mar. Consiste nunhas gyozas de polbo, lagostino e rodaballo á brasa, sendo así un prato de cociña fusión entre Xapón e Galicia.

Este ano, os prezos das tapas estarán entre 2 e 4 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h.

Os consumidores votarán as tapas do concurso mediante o cupón de votación individual, que terá que ir selado polo establecemento correspondente e cuberto cos seus datos. A valoración é do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5, a máis alta. Todos estes cupóns entrarán no sorteo de distintos premios.

Ademais, todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Se o folleto- pasaporte está selado como mínimo por 10 establecementos participantes optarase a unha estancia para dúas persoas en Hacienda Zorita, de Salamanca, e se o folleto- pasaporte está selado como mínimo por 20 establecementos participantes optarase a unha viaxe dunha semana para dúas persoas a Budapest.

O público será o encargado de seleccionar o gañador do concurso así como as 12 tapas finalistas. Farao a través dos cupóns de votación que poderá depositar nas urnas dispoñibles en todos os locais ata o 20 de novembro, fecha límite tamén para depositar os folletos-pasaporte en ditas urnas.

Por outra banda, un xurado profesional encargarase de escoller durante os días da final, nos que as tapas finalistas estarán nesta ocasión a disposición do público xeral, cinco títulos máis: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra.