O AECT Rio Minho presentou en O Rosal o informe sobre ‘Sustentabilidade e Economía Verde’ no territorio miñoto elaborado dentro do Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Rio Minho por especialistas da Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo. Entre moitas ideas de desenvolvemento circular para a zona subliñouse unha conclusión clara: a silvicultura será un importante factor de competitividade no futuro do territorio.
No workshop participaron a alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández Callís , o técnico de proxectos do AECT Rio Minho Luís Ulloa que presentou o Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT), e o propio coordinador do ODT e profesor da UVigo, Xavier Martínez Cobas, quen expuxo o último estudo realizado sobre o territorio. Tamén participaron na mesa redonda sobre ‘A sustentabilidade no sector primario’ a presidenta de ACUBAM María Victoria Álvarez Fernández, o responsábel de Raiz da Terra José Augusto Martín, o director técnico de Terras Gauda Emilio Rodríguez Canas e o presidente da Adega Cooperativa Regional de Monção Armando Fontainhas , baixo a moderación da alcaldesa de Tomiño Sandra González Álvarez.
O profesor Cobas sinalou que as numerosas crises e fracasos asociados ao paradigma económico en vigor incrementaron a necesidade de buscar unha economía respectuosa co ambiente, reaccionando ante a combinación da crise climática, a degradación e a escaseza da auga e a perda da biodiversidade. En concreto, no caso do sector agrario no territorio do Río Miño, Martínez Cobas explicou que o desenvolvemento da economía verde e a sustentabilidade “atópanse ben situados respecto de Galicia e Portugal”.
Segundo salientou, no informe estudáronse as actividades de agricultura, gandaría, caza e actividades relacionadas; as actividades de silvicultura e explotación forestal; as de pesca e acuicultura; e as de extracción de produtos minerais na zona, observándose que son maioritarias as primeiras, ocupando un papel relevante na economía da área transfronteiriza. O segundo lugar ocúpano as empresas dedicadas á pesca, esencialmente situadas nas zonas costeiras do AECT Rio Minho e algunhas máis ao interior, vinculadas á pesca do río.
De maneira específica, Cobas defendeu que “a silvicultura é a actividade que menos importancia ten no territorio, aínda que o número de empresas é tamén considerable”, mais subliñou que as empresas de silvicultura son as únicas que están a crecer no territorio. “Este aspecto sinala que a silvicultura posiblemente sexa un importante factor de competitividade deste territorio no futuro”, subliñou.
Neste sentido, destacou que o grande desafío é evitar os incendios e os seus efectos, e en particular o efecto dos grandes incendios, coma os vividos en 2017. “Con este fin, a silvicultura preventiva pode ser a maior ferramenta de protección. O tratamento das árbores, a elección de especies e os modelos de explotación, limitando as localizacións nos puntos críticos, son liñas a seguir”, dixo.
Por outra banda, o profesor tamén destacou no informe que todas as todas as actividades asociadas á economía circular están a incrementar o número de empresas no territorio, indicando que na área do AECT Rio Minho estanse a valorar actividades asociadas á economía da enerxía eléctrica ou valorización e xestión de residuos, como tendencia a unha maior sustentabilidade. Destacou que no caso da viticultura e a planta ornamental é preciso desenvolver subprodutos compatibles co medio, limitando o uso de compoñentes químicos que danen a biodiversidade.
Neste sentido, na mesa de debate sobre a sustentabilidade no sector da vitivinicultura, Terras Gauda acudiu como exemplo dunha empresa importante da bisbarra con proxectos pioneiros, como o que na actualizade está a desenvolver para converter o bagazo en fertilizante e pesticida de calidade grazas ao estudo denominado ‘Vitalver’. A contraparte do país veciño unha das entidades dos vinhos verdes que máis importancia teñen na subzona de Melgaço-Monção como é a Adega Cooperativa Regional de Monção explicou tamén o seu proxecto de eficiencia enerxética coa instalación de paneis solares, que permiten traballar con menos consumo enerxético e menos custos de funcionamento.
O obradoiro desenvolveuse no ámbito do Proxecto ‘Rede de Apoio as dinámicas locais de cooperación no rio Miño transfronteirizo’ (REDE_LAB_MINHO), financiado polo Programa lnterreg V-A España Portugal (Actividade 2 – Construción e dinamización de unha rede de cooperación e observación das dinámicas transfronteirizas).