Cos traballos en Adro Vello afloran á vista 18 séculos de historia de Galicia


Os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello mostran un xacemento moi rico onde se visualizan 18 séculos da historia de Galicia. Así se desprende dos primeiros resultados deste proxecto impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Vigo que o este sábado se exporán nas xornadas Adro Vello. Pasado, presente e futuro.

Nesta cita, na que participan diferentes especialistas como profesores, arqueólogos, investigadores ou antropólogos, daranse a coñecer os traballos feitos o pasado verán por unha vintena de investigadores nun dos xacementos máis senlleiros da arqueoloxía galega das últimas décadas.

Así, a cita comezará ás 11,00 horas coa apertura das xornadas e seguirá ás 11,15 horas co relatorio O patrimonio arqueolóxico do Grove máis aló de Adro Vello. A continuación, o arqueólogo Adolfo Fernández Fernández, a conservadora-restauradora Marta Lago, a antropóloga Olalla Costas e o xeólogo Jorge Sanjurjo falarán do proxecto de Adro Vello, os seus problemas de conservación, a súa necrópole e da metodoloxía para a datación utilizada nos traballos de campo.

Ás 13,00 horas será a quenda da mesa redonda O futuro de Adro Vello na que participarán AvelinoOchoa, da Asociación Cívico-Cultural Barlovento; Roberto Pena, xefe so Servizo de Arqueoloxía da Xunta; Matilde González, consultora en xestión de recursos culturais, difusión e interpretación do patrimonio; Fernando Carrera, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e Leonardo González, arqueólogo e xestor do patrimonio.

O proxecto levado a cabo nos últimos meses pola Consellería de Cultura tiña como obxectivo intervir sobre o xacemento arqueolóxico de Adro Vello desde varias liñas de actuación: arqueoloxía, antropoloxía física, conservación-restauración, xeocronoloxía e difusión. Para iso, comezouse cunha limpeza en detalle de todo o espazo para poder rexistrar as estruturas que se atopan á vista mediante fotogrametría. Esta limpeza incluíu tamén a retirada de recheos e outros elementos.

Isto permitiu interpretar e datar as fases do xacemento e rexistrar e diagnosticar o estado de conservación de 65 muros e 106 sepulturas. Ademais, o proxecto incluíu tamén a toma de mostras e o estudo de sedimentos e restos ofrecendo unha lectura moito máis completa da ocupación en Adro Vello. Así, os resultados, aínda preliminares, mostran que é unha zona arqueolóxica moi rica na que se poden visualizar 18 séculos da historia de Galicia. Púidose recuperar información sobre a antiga fábrica de salga de época romana, unha importante mostra de peixe, fragmentos de pintura mural, muros de contención, datos sobre un gran complexo medieval eclesiástico ou estruturas dunha antiga igrexa, capelas e un campanario.

A Xunta ten en marcha o proceso para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a zona arqueolóxica de Adro Vello coa apertura do expediente, en trámites neste momento, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata do xacemento arqueolóxico do concello do Grove.

Concretamente, a declaración como BIC afecta a zona situada no borde da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar, fundamentándose no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros da Comunidade Galega.