Comezan as catas dos meles e queixos de Galicia



O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá no Centro integrado de formación profesional (CIFP) Compostela, en Santiago, as Catas oficiais dos meles e dos queixos de Galicia 2022. Alí puxo en valor o compromiso da Consellería do Medio Rural coas producións galegas de calidade, para as que se investirán máis de 5,4 millóns de euros en 2023 para a súa promoción.

Neste senso, hoxe desenvolverase ao logo de toda a mañá a XXI Cata dos meles, onde un total de sete expertos analizarán 33 meles, nas categorías de monoflorais e multiflorais, pertencentes a 20 industrias inscritas na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

En canto á XXV Cata dos queixos, esta comezará o xoves pola tarde e nela participarán un total de 30 queixerías pertencentes ás catro Denominacións de Orixe Protexida (DOP) con 43 mostras distribuídas entre a de Queixo Tetilla, a de Arzúa-Ulloa, a de San Simón da Costa e a do Cebreiro.

A través destas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores queixos e meles como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

Así, no caso dos queixos, a organización outorgará un trofeo e diploma que indique o posto acadado (en función das mostras participantes, poderá haber a distinción de ouro, prata e bronce) nas categorías de: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa (que inclúe tamén a subcategoría de Arzúa-Ulloa curado), Cebreiro e San Simón da Costa.

No que se refire aos meles cataranse este ano dúas categorías: meles monoflorais e meles multiflorais, que recibirán tamén un trofeo e un diploma acreditativo do posto acadado neste certame.