Ciclo de conferencias e xornadas de portas abertas no aniversario da compra de Santa Clara


A Deputación e o Concello de Pontevedra celebrarán a partir do 22 de novembro o primeiro ano da compra do Convento de Santa Clara. A programación conxunta confeccionada polas dúas institucións para esta ocasión contempla xornadas de portas abertas para coñecer as escavacións arqueolóxicas e conferencias das persoas expertas que traballaron sobre o terreo no convento. A programación presentárona esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente provincial César Mosquera na igrexa de Santa Clara xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Os días 3 e 4 de decembro, sábado e domingo, en horario continuado de 10 a 18.00 horas, o Concello volverá abrir as portas de Santa Clara nunha xornada nas que as persoas visitantes poderán acceder á planta baixa e á horta do convento. A entrada será de balde e sen inscrición. Farase un percorrido polos sondeos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles dentro dos estudos financiados pola Deputación. A igrexa será o “centro de recepción de visitantes” onde se proxectará un breve vídeo (duns 3 minutos aproximadamente) sobre este ano da compra e os labores de escavación.

Ás e aos visitantes tamén entregaráselles un folleto cunha breve explicación da visita. Poderanse ver espazos como o edificio do século XVIII onde as escavacións atoparon muros das antigas edificacións de Santa Clara; o claustro onde permanecen abertos os enterramentos sen os osos retirados para o seu estudo: a adega para ver as pipas de viño do convento; a antiga cociña onde para ver a lareira; o vello refectorio, zona que se amosa por ver primeira porque tamén estaba cheo de entullos; a zona máis primitiva do convento no exterior; e no Bosque as últimas escavacións, preto do cemiterio, onde apareceron pavimentos e conducións do antigo convento.

Ao respecto das conferencias proxectadas pola Deputación todas serán na igrexa de Santa Clara ás 19.30 horas. As datas son as seguintes:22 de novembro de 2022. "Ósos, cacharros, clausura e chocolate. Primeiros resultados da excavación en Santa Clara". Rafael M Rodríguez Martínez (director do proxecto) e Israel Picón Platas (codirector da intervención).
23 de novembro de 2022. "Cando as paredes falan". Dr. Victoriano Nodar, sobre lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios.
29 de novembro de 2022. "Compoñendo puzzles" Aldara Rico exporá os traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos.
1 de decembro de 2022. "A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara". Dr Olalla López e Clara Veiga, responsables dos estudos de antropoloxía, falarán sobre as inhumacións.
5 de decembro de 2022. "Os papeis de Santa Clara". Dr. Suso Vila, sobre a investigación históricoartística e baleirado documental.
13 de decembro de 2022. "Conferencia de (case) clausura" Dr. Xurxo Ayán, que falará sobre a clausura na orde das irmáns pobres de Santa Clara.
14 de decembro de 2022. "Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara" a Dra. María Martín e a Dra. Carmen Salinero.

O vindeiro 1 de decembro cúmprese un ano da compra de Santa Clara por 3,2 millóns de euros por parte do Concello de Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que aquela operación “foi unha oportunidade única para Pontevedra, para esponxar a cidade nun barrio de alta densidade de edificación, coa posibilidade de abrir a zona verde ao uso público, de aproveitar as súas dependencias, e de coñecer máis a nosa historia”.

Nestes doce meses, organizáronse visitas guiadas, xornadas de portas abertas, visitas específicas para colectivos, veciños e veciñas, colexios profesionais, de ensino… A igrexa transformouse nunha infraestrutura cultural máis da cidade acollendo faladoiros, concertos, música, gravacións de cine… Neste tempo tamén se definiu o futuro do convento. Pasará a mans do Museo de Pontevedra e convocará un concurso internacional de anteproxectos “no que o Concello e a Deputación temos moitas expectativas”, indicou Lores, quen asegurou que as negociacións para abrir o convento ao uso público tanto pola rúa Santa Clara como por Barcelos “vai ben encamiñado”.

A presidenta da Deputación Carmela Silva asegurou que “non coñezo moitos casos nos que nun só ano se fixeran tantas actuacións, tanto desde o punto de vista político como do técnico, a través das persoas responsables do concello e dos arqueólogos”.
Nesta liña, lembrou que o desenvolvido no último ano non foi un proceso interno, senón “democrático”, do que foron partícipes todas e todos os cidadás de Pontevedra, “abríndose as portas de Santa Clara para que a veciñanza a puidera coñecer”. “Conseguimos espertar unha gran paixón tanto na cidade como na provincia e incluso en Galicia”, quixo resaltar a presidenta da Deputación, ao tempo
que lembrou que “foron moitas as horas de traballo dedicadas polo equipo de arqueólogos dirixidos por Rafael Rodríguez”.

Por iso, agora a Deputación busca “achegar o coñecemento adquirido ao público para que o proceso de análise realizado non quede só para os expertos e experta”. Por iso, animou á cidadanía pontevedresa a participar no ciclo de charlas que a Administración provincial pon en marcha entre os días 22 de novembro e 14 de decembro en Santa Clara. “Vai ser apaixonante descubrir tantos séculos de vida destas paredes”.

O vicepresidente provincial César Mosquera, pola súa banda, subliñou que o convenio entre Deputación e Concello para a cesión da propiedade está pendente de informe da asesoría xurídica municipal, a punto de ser aprobado para a súa sinatura. Salientou que os termos políticos están claros e que grazas a iso a administración provincial xa ten iniciado o expediente para o concurso internacional de proxectos. A previsión é que no primeiro semestre do 2023 estea seleccionado polo xurado o anteproxecto gañador.

Mosquera fixo chanza asegurando que “non sairá” de Santa Clara ante o interese das actividades propostas para a conmemoración do aniversario. Destacou que nas charlas falarase de cousas tan interesantes como as mencionadas no informe-memoria entregado sobre o convento, no que quedan reflectidas cuestións que “abren debate”, como a data real de fundación do convento, 1271 ou 1293, ou como o ‘pleito’ aberto polas monxas no século XVIII cando dependían da orde dos Franciscanos e contra a que se rebelaron polo aproveitamento ‘excesivo’ que os monxes tiraban das clarisas en canto a comidas e outros gastos, ademais de relativo a cuestións relixiosas. A solución chegou logo dunha intermediación do papa que sacou ás monxas da tutela dos Franciscanos.