Galicia Destino Familiar, o selo impulsado polo Clúster Turismo de Galicia para potenciar a oferta turística galega centrada no turismo familiar e crear sinerxias entre as empresas especializadas neste segmento do mercado, desenvolve na actualidade unha campaña promocional a través das redes sociais. A iniciativa permitirá aos usuarios que interactúen con Galicia Destino Familiar participar no sorteo de medio centenar de experiencias nos establecementos adheridos ao selo.
Quen queira optar a estes premios debe seguir a conta de Galicia Destino Familiar en Facebook ou Instagram, dar un gústame á publicación do sorteo e mencionar polo menos a un amigo co que lles gustaría compartir o premio en caso de resultar gañador. Tamén poden compartir a publicación nas súas historias.
O prazo para participar na campaña estará aberto ata o 7 de novembro e para tomar parte basta con ser cidadán da Unión Europea e ter máis de 18 anos. Os nomes dos 50 gañadores do sorteo daranse a coñecer o mércores 9 a través das redes sociais e da web de Galicia Destino Familiar. A continuación, os agraciados dispoñerán dun prazo dunha semana para poñerse en contacto co selo e proporcionar a dirección de correo electrónico á que será enviado o seu bono experiencia. En caso de non facelo, asignarase outro gañador da listaxe de 10 suplentes extraído no mesmo sorteo.
As bases completas da campaña están dispoñibles na seguinte ligazón: