Bodegas Loeda deu o pistoletazo de saída á VIII edición do ciclo “Cata a Arte”



Bodegas Loeda deu o pistoletazo de saída á oitava edición do ciclo “Cata a Arte” coa presentación e degustación do seu viño branco elaborado con Treixadura, Catro Parroquias 2021, acompañada dun íntimo concerto da banda pop Los Limones, con un magnífico Santi Santos. O evento, con aforo completo, tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde está a exposición de pintura “Metafísica do eu” de Mingos Teixeira.

Nesta oitava edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para Asociación Ourensana de Esclerosis Múltiple, Párkinson y Enfermedades Raras (AODEMPER), organización sen ánimo de lucro que leva dende 1996 ao carón das persoas con Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermedades Raras da provincia de Ourense e das súas familias.

O ciclo celebrarase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 3 de novembro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.