A pesca fluvial para o ano 2023 en Galicia ábrese o día 19 de marzo e cérrase o 31 de xullo


A tempada de pesca fluvial en Galicia para o ano 2023 comezará o vindeiro 19 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral, tal e como se acordou durante a reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
Durante a xuntanza, que contou coa participación dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade, analizáronse tanto as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente para regular os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada como o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 19 de marzo de 2023 e prolongarase ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente o 1 de maio. Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro. No caso dos coutos con convenio a tempada prolongarase, con carácter xeral, ata esta mesma data na modalidade de pesca sen morte.
No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade desde o 1 de maio ata o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie serán similares ás da tempada 2022 nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Concretamente, no río Mandeo (A Coruña) establécese en cinco exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota será de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de 8 salmóns.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra fixouse unha cota de 30 exemplares no caso do río Ulla mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue a ser dun salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos.

Polo que respecta ao reo, mantense o período xeral do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

Na reunión do Consello Galego de Pesca Continental tamén se abordaron as xornadas hábiles para a vindeira tempada así como distintas propostas trasladadas polos consellos provinciais de pesca.

A maiores, informouse sobre os resultados do estudo encargado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á Universidade de Santiago de Compostela (USC) no 2022 sobre a análise da importancia do salmón na dieta local do corvo mariño grande e medidas de manexo da poboación invernante desta especie nos coutos salmoneiros do río Ulla e o seu efecto sobre os stocks de repoboación de troita común e salmón.

Finalmente, avanzáronse as liñas básicas para a posta en marcha dun Plan de manexo das poboacións de corvo mariño grande en Galicia, trala constatación da incidencia que esta especie está a ocasionar sobre as poboacións piscícolas, especialmente no caso dos salmónidos, co fin de minimizar a súa presión depredadora sobre as poboacións de peixes e garantíndose que a utilización de medidas cruentas, de ser o caso, non incidirán negativamente na conservación desta ave.