A educación patrimonial, a debate hoxe e mañán no Museo de Pontevedra




O Museo de Pontevedra será durante dous días o centro do debate sobre o futuro da educación patrimonial. Máis dun cento de profesionais dos ámbitos dos museos, a universidade, a acción cultural, profesorado e estudantado chegados de toda a Península participan este xoves 3 e o venres 4 de novembro nas II Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, co lema ‘Construíndo futuros desde a educación’.

As xornadas están dirixidas por José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e Belén Castro, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC. Os relatorios serán a cargo de María Jesús Rubio Visiers do Museo Arqueológico Nacional e Carmen Palacios do Museo Würth La Rioja. Nas mesas redondas participarán profesionais do eido museístico, como Miguel Ángel Cajigal, da Fundación Cidade da Cultura; Encarna Lago, da Rede Museística de Lugo; Alexandra Falcão, do Museu de Lamego (Portugal); e Ana Estévez e Carme Campo, do Museo do Pobo Galego.

Tamén profesionais da acción cultural como Beatriz Gallego, de Labrit Patrimonio; e Trinidad Canosa, da ONCE; e investigadoras académicas, como Laura Lucas Palacios, da Universidad Complutense de Madrid; Cristina Sánchez-Carretero, de INCIPIT-CSIC; Ángel Portolés, da Universitat Jaume I; Cosme Gómez, da Universidad de Murcia; Myriam Martín, da Universidad de Huelva; e Ana Portela e Júlia Castell, da Universitat de Barcelona.

As persoas participantes porán en común experiencias en educación patrimonial e debaterán sobre os camiños a seguir neste eido. O encontro deste ano ten tres eixos: unha educación patrimonial para o cambio social; os novos formatos e medios na educación e acción cultural; e a creación de redes de colaboración entre institucións.

Nestas temáticas encaixan as 16 iniciativas e investigacións que se presentarán na sesión de pósteres, con experiencias e estudos de equipos das universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Valladolid, Huelva, Zaragoza, Murcia e o País Vasco, ademais das achegadas por outras entidades como a Cámara Municipal de Matosinhos (Portugal), BenCuriosa, o IES Pontecaldelas e o Instituto de Estudos Ulloáns