A Deputación da Coruña destina 342.414,54 euros para financiar un proxecto da Asociación de Concellos do Camiño Inglés para realizar actuacións de mellora e posta en valor do Camiño Inglés nos 16 municipios polos que pasa o itinerario Xacobeo.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, asinaron o convenio de colaboración polo que a Deputación destinará 342.414,54 euros para sufragar o 72,37% do orzamento total deste proxecto, que ascende a 473.131,80 euros.
Realizaranse obras de pavimentación, sinalización, iluminación, mellora da seguridade e renovación de inmobles para resolver distintas necesidades que foron detectadas no informe Accións de Mellora no Camiño Inglés, financiado pola Deputación da Coruña, e outras que foron trasladadas polos propios concellos.
Este é o listado de actuacións nos tramos do Camiño Inglés dos diferentes concellos: en Ferrol realizaranse instalacións de iluminación, sinalización e seguridade; en Narón a instalación de iluminación e balizado no paseo de Xuvia, en Neda a reposición de beirarrúas no tramo do camiño do Regueiro; en Fene e Cabanas acondicionarase unha parcela arborada; en Pontedeume mellorarase o pavimento; en Miño acondicionarase o cruzamento do Camiño coa estrada da Praia; en Paderne mellorarase a pavimentación dun tramo, en Betanzos acondicionaranse as fontes do Camiño; en Abegondo mellorarase a seguridade viaria na estrada DP-0105; en Mesía mellorarase o tramo ao seu paso polo Hospital (Bruma); en Ordes rehabilitarase un edificio para servizo de veciños e peregrinos; en Oroso crearase unha edificación para centro de atención turística; en Santiago de Compostela acondicionarase o tramo da rúa de Meixonfrío; na Coruña mellorarase a sinalización e instalarase novo mobiliario e, por último, en Carral executarase a sinalización do Camiño e acondicionarase o interior do local social das Travesas.