Tralo lanzamento da nova campaña publicitaria de Ternera Gallega Suprema, as cualidades diferenciais desta carne certificada promocionáronse en varias citas de carácter culinario e deportivo. En Santiago, a segunda edición do encontro Galicia Etiqueta Calidade, ademais de acoller a presentación da campaña de Suprema, expuxo a gran calidade de todos os alimentos autonómicos con selo IXP e DOP ante diversos grupos, como a distribución, o sector Horeca ou as tendas gourmet.
Colectivos que puideron coñecer as características de crianza, alimentación e manexo que definen Ternera Gallega Suprema e que dan lugar a unha carne especialmente tenra e zumarenta. Ademais dun stand informativo sobre o produto, a IXP formou parte do menú deste foro xunto a outras denominacións de calidade. O chef Héctor López ofreceu unha “Costela de Suprema asada con puré de Pataca de Galicia”. Tamén preparou un prato de estilo xaponés con carne certificada de Boi Galego, días despois de que a IXP Vaca Galega - Boi Galego obtivera o rexistro definitivo na Unión Europea.
O mes de outubro remataba coa participación de Ternera Gallega na xuntanza anual dos bloggers gastronómicos da comunidade que, na súa décima reunión, escolleron a Ribeira Sacra como punto de encontro. Co obxectivo de promocionar o turismo e a gastronomía galegos nas súas bitácoras, os 40 asistentes remataron a xornada en Doade, onde o cociñeiro Carlos Javier González elaborou unha “Esfera de Ternera Gallega Suprema con cremoso de batata asada”.
E na liña habitual da IXP de divulgar a importancia da práctica deportiva en combinación cunha dieta equilibrada, Ternera Gallega patrocinou o VIII Congreso Internacional de adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas, celebrado en Pontevedra a pasada fin de semana. Neste evento, a calidade nutricional e organoléptica da carne certificada chegou a máis de 250 deportistas, procedentes de ata 17 países.