Por terceiro ano consecutivo a sede da Deputación en Vigo convirteuse no escenario das “VIII Xornadas Divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro. Investigando en feminino”, que veñen de organizar Fundamar e Funpromar en colaboración coa institución provincial e o concello de Vigo.
A presidenta Carmela Silva, que participou na inauguración xunto ao presidente de Fundamar, Javier Touza, e o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Roberto Alonso, enxalzou “a forza e garra das mulleres do mar cuxo inxente e fundamental traballo para o avance e progreso do sector non sempre foi nin é visibilizado”.
Nas xornadas proxectouse o audiovisual “Llauger en feminino”, un vídeo resumo do estudo realizado por Sara Valcárcel no marco da I Estadía Sereas 2022, posta en marcha polas fundacións e a Deputación, para impulsar a análise de referentes femininos na industria do mar. Tamén se deron a coñecer as dúas novas protagonistas do directorio #SomosSereas a través dos audiovisuais “María Coira. Vocación pola conserva” e “Marujita la del hielo. Toda unha vida no Berbés”.
“Aínda que permanecemos invisibilizadas, escurecidas e relegadas a terceiros, cuartos e mesmo quintos planos, as mulleres sempre fomos un piar fundamental do progreso económico e social ao longo da historia”, asegurou Carmela Silva, quen subliñou que “no caso do mar non é que foramos un piar, fomos e somos a columna vertebral do sistema. Sen nós o mar e a conserva non serían o que hoxe son”.
A presidenta provincial agradeceu o papel que están a desenvolver Fundamar e Funpromar para visibilizar o papel da muller dentro do sector extractivo e transformador de produtos do mar “porque hai mulleres, con historias moi potentes, e desenvolvendo un papel activo, mesmo como xestoras da economía do mar, cuxas figuras precisamos recuperar e situar no centro, no primeiro plano”. Finalmente, a presidenta aproveitou a ocasión para reivindicar que “somos maioría no sector do mar, si, pero nas cúpulas directivas, nos postos de mando e liderado somos unha ínfima representación e non podemos permanecer alleas, precisamos estar aí, arriba, tomando decisións que nos afectan e ocupando o lugar que merecemos por dereito. É o xusto”.
No marco do proxecto “Sereas” a Deputación ten en marcha unha pioneira iniciativa de investigación documental para sacar á luz como explicou a presidenta, “a verdadeira e pouco valorada participación das mulleres na vida laboral e económica”. Trátase da “I Estadía Sereas 2022”, de impulso da investigación sobre referentes femininas na industria do mar na provincia que está a permitir salvagardar a súas memorias e contar a historia en clave de xénero, reconstruíndoa a partir dos arquivos existentes. Este ano, na súa primeira edición do programa, foi Sabela Valcárcel a que desfrutou da estadía, que está a piques de rematar e permitiu afondar na figura de Carmen e Teresa Llauger a través dunha aproximación ao arquivo familiar desde un enfoque de xénero, poñendo de manifesto que as mulleres Llauger dirixiron e xestionaron a empresa e a economía familiar. O resultado da investigación de Sabela Valcárcel puido verse resumido na xornada desta tarde a través do audiovisual “Llauger en feminino”, no que se repasa a traxectoria das mulleres da familia, propietarias dunha fábrica de salgadura e barcos en Vilanova que participaron activamente na economía e exerceron como prestamistas e propietarias da terra.
Nas xornadas tamén se proxectaron os audiovisuais “María Coira. Vocación pola conserva” e “Marujita la del hielo. Toda unha vida no Berbés”. No primeiro deles amósase a historia de María, traballadora eventual do sector conserveiro de 38 anos, que tivo que loitar dende moi nova, mesmo deixando os estudos, para sacar á súa familia adiante. Tamén se mostra o seu amplo coñecemento das distintas áreas dunha fábrica de conservas, dende o empacado ao laboratorio. Pola súa banda “Toda unha vida no Berbés” recolle a traxectoria de Marujita “la del hielo”, que esta xoves cumprirá 89 anos e segue en activo, cobradora do xeo de Frigoríficos de Vigo durante máis de 50 anos. No vídeo amósase a vida e traxectoria desta figura emblemática e respectada figura do Berbés, cunha destacable cabeza para os números e memoria prodixiosa para os nomes.