Verín será capital da cervexa os días 7, 8 e 9 de outubro


Os vindeiros días 7, 8 e 9 de outubro, o Concello celebrará a segunda edición da Festa da Cervexa de Verín. Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis de 20 variedades de cervexas nacionais e de importación, e que se complementará con varios restaurantes que mesturarán gastronomía galega e alemá, actuacións musicais de primeiro nivel e animación infantil.

A programación oficial do evento foi presentada por Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza Basalo, concelleira de Educación, Cultura e Festexos e Manuel Lorenzo Feijoó, concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería.

"Tras o éxito da primeira edición, con máis de 4.500 asistentes, acollemos unha nova edición desta festa que esperamos se converta noutra das datas indispensables da nosa completa axenda cultural", explicou Gerardo Seoane. Este ano o evento realizarase xa sen ningún tipo de restrición covid pero, por seguridade, limitarase o aforo a un máximo de 2.500 persoas.

O evento terá lugar na zona verde da Preguiza e contará cunha carpa de 20x80 metros na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. O horario da feira será o venres de 19.00 a 01.00 h; o sábado de 12.00 a 16.30 h e de 19.30 a 01.30 h e o domingo de 12.00 a 20.00 h.

Segundo explicou Manuel Lorenzo Feijoo, concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería serán máis dunha vintena as variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, as que se poderán degustar nas casetas da festa. "Ao igual co ano pasado contaremos cunha ampla zona de expositores reunindo a tanto ás primeiras marcas cervexeiras nacionais como a unha importante representación dos mellores produtos de importación dispoñibles actualmente no mercado".

"En canto á oferta gastronómica», continuou Manuel Lorenzo, « instalaranse un total de nove postos de comida que ofrecerán aos asistentes pratos tradicionais galegos como polbo, xamón, embutidos, churrasco, empanada, polos asados, comida vegana e crepes salgados e doces; así como tamén produtos alemáns como as típicas salchichas (bockwurst, frankfurt ou weisswurst), Bretzel ou doces como muffings de cervexa, biscoito de maza".

"Ademais", finalizou a concelleira de Festexos, Emilia Somoza, «a cita contará con amenización musical en directo dentro e fora da carpa». O sábado e domingo, ao mediodía, actuará a Banda de Gaitas do Concello de Verín. Os grupos “Guezos” e “La Banda de Ayer” serán os pratos fortes musicais programados para as noites da Feira. «Tampouco nos esquecemos dos mais pequenos da casa, que poderán desfrutar o domingo 9 co espectáculo infantil “Cómicos da legua na raia seca” da compañía Viravolta Títeres e tamén con divertidos inchables durante toda a fin de semana».

Os pratos fortes musicais terán lugar ás noites, ás 22:30 horas, con dous actuacións musicais de primeiro nivel. As mesmas serán de balde e terán lugar na propia zona verde de A Preguiza.

O venres 7 actuará “Guezos”, grupo rock-pop-folk nacido en Ourense no ano 2000. A súa evolución foi lenta pero constante. Debuxaban as súas primeiras notas melodías tradicionais acomodadas sobre ritmos propios de calquera foliada galega. De feito comezou como unha banda de corte tradicional, mais a súa ansia por experimentar levounos cada vez máis lonxe deste punto de partida. Facendo un repaso pola súa discografía pódese descubrir un Guezos cada vez máis maduro e atrevido, e iso queda patente cando se suben a un escenario.

O sábado 8 será a quenda de “La Banda de Ayer”, orquestra que aposta por un formato diferente e que ofrece música Pop e Rock dos anos 80, 90 e 2000.

Por último, o domingo 9, a festa da cervexa acollera o espectáculo infantil Cómicos da legua na raia seca da compañía Viravolta Teatro. Cómicos da legua é un espectáculo que achega as formas tradicionais da arte escénica popular europea que viaxaron a través das peregrinaxes, desde a Idade Media ata a actualidade . Un cóctel de bonecos, música e actor para un espectáculo ambulante que convirte prazas e rúas en “corral de comedias” e teatros. A través das formas do bululú (cego e lazarillo) e do ñaque (músico e titiriteira) en breves episodios dramáticos convídase o público a gozar cos personaxes do universo da picaresca e da literatura do cordel.