Tomé celebra cos lucenses e galegos de Cataluña as festas de San Froilán


O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, celebrou este fin de semana coa comunidade lucense e galega de Cataluña as festas de San Froilán, organizadas no barrio de Nou Barris da cidade condal pola Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona.

No multitudinario encontro de confraternidade participaron a presidenta do Consello de Distrito de Nou Barris, Gemma Sendra; o concelleiro de distrito do barrio Xavier Marcé; o Subdelegado do Goberno de España na provincia de Barcelona, Carlos Prieto; concelleiros de Nou Barris, deputados no Parlamento de Cataluña, e o Secretario Xeral do PSC e ex Ministro de Sanidade, Salvador Illa, entre outras autoridades.

José Tomé Roca desexoulle a toda a comunidade lucense e galega boas festas e amosou a súa satisfacción por poder volver a compartir este encontro logo da pandemia. “Cando estiven aquí no ano 2019 non podiamos nin imaxinar todo o que veu despois: unha pandemia mundial, que nos cortou a vida e que impediu que nos puideramos xuntar con normalidade durante moito tempo. Pasaron tres anos, nos que o mundo cambiou dun xeito profundo. A covid-19 impuxo restricións, afectou á economía e, sobre todo, cobrouse un custo enorme en sufrimento persoal e vidas humanas”, destacou o Presidente, quen tivo un recordo para as persoas falecidas na pandemia e mostrou o seu agarimo ás súas familias e amizades, ademais de loar “o comportamento exemplar, solidario e responsable” da cidadanía para facerlle fronte á crise sanitaria.

“Cando parecía que íamos retomar a normalidade, o impacto da guerra en Ucraína está prolongando os retos socioeconómicos que afronta o conxunto de Europa”. “Polo tanto”, asegurou o mandatario provincial, “temos que seguir loitando, aportando o noso traballo, cada un dende as nosas responsabilidades, para gañarlle a partida ás dificultades”. “Estou convencido de que a comunidade galega en Cataluña vai seguir aportando traballo e riqueza, como facemos sempre os galegos e galegas, na nosa terra e cando saímos polo mundo”, incidiu.

O presidente da Deputación expresou o compromiso da institución provincial de seguir colaborando e apoiando o labor que desenvolve a Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona, e coas actividades da comunidade galega en Cataluña, “convencidos de que son os mellores embaixadores da provincia de Lugo”. Neste sentido, recoñeceu que “xogan un papel fundamental para dar a coñecer a nosa provincia, a diversidade e a riqueza das nosas paisaxes, tradicións, cultura, historia e gastronomía”.

As festas do San Froilán en Barcelona, asegurou, “xunta pasado, presente e futuro, porque estamos aquí orgullosos de renovar as nosas tradicións, pero tamén para deixar constancia do que é a día de hoxe a realidade de Galicia e os galegos, e, sobre todo, para seguir traballando xuntos para que o futuro de todos e todas sexa mellor”, manifestou.