Santiago aposta pola cidade histórica como espazo comercial, turístico e residencial


O concelleiro de Presidencia, Turismo e Relacións Institucionais de Santiago, Sindo Guinarte, destacou a aposta de Compostela pola cidade histórica como espazo de actividade institucional, comercial, turística e residencial; e polo comercio local, reflectida en accións como as axudas directas despois da pandemia ou os Bonos Corazón Compostela para incentivar as compras nos establecementos locais.

Foi no "X Congreso Internacional de Cascos Históricos. Motores do ocio, turismo e comercio en Europa", organizado por Compostela Monumental e a COCAHI, que se celebrou en San Martiño Pinario.

Na súa intervención, Sindo Guinarte enumerou varias das políticas que está levando a cabo o Concello de Santiago para adaptar o seu casco histórico e o seu comercio de proximidade aos novos retos urbanísticos, de eficiencia enerxética, de sostibilidade, de mobilidade, ou de innovación. Para acadar estes obxectivos, engadiu, "instalamos a fibra óptica, unha necesidade evidente. Hoxe non pode haber unha actividade comercial nunha contorna que non estea optimamente comunicado a través das novas tecnoloxías".

Tamén destacou a posta en marcha do novo centro sociocultural para a veciñanza, o remate da peonalización do Casco Histórico; e Smartiago, un programa de compra pública innovadora, "que non compra subministros, senón que investiga en proxectos de futuro"; e que tamén traballa temas de mobilidade, "co control e xestión do tráfico de mecadorías e a regulacion dos fluxos das persoas".

"Cómpre compatibilizar", engadiu, "as necesidades do comercio e da hostalería e dos propios residentes, para que sexan subministrados das necesidades que teñen dun xeito eficiente e que cause as menores molestias posibles a un espazo que ten que ser de convivencia". Lembrou tamén que, desde o Concello de Santiago, a través da área de Comercio que dirixe o propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, puxéronse en marcha axudas directas ao sector e tamén á hostalería, despois da pandemia, para paliar a grave crise económica que estaban sufrindo.

Tamén se referiu á creación dos Bonos Corazón Compostela, que teñen como obxectivo incentivar as compras no comercio local. "Tratamos de compatibilizar que o casco histórico sexa un lugar onde haxa actividade institucional, que a hai a través da administración local e da USC; actividade comercial, actividade turística e actividade residencial. Que sexa unha cidade dentro da cidade. Hai moi poucas cidades no Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, da que Santiago forma parte, que teñan tanta vida, con tanta actividade, como ten o casco histórico de Compostela", subliñou.

A continuación, Guinarte destacou o papel das asociacións de comerciantes "na consecución destes obxectivos", e deulle as grazas a Compostela Monumental "polo esforzo e polo labor que vides desempeñando desde hai 30 anos".

Tamén interviron José Manuel Bello, Presidente da Asociación Comercial, Empresarial e Profesional Centro Comercial Aberto Compostela Monumental e da COCAHI, a Organización Española de Cascos Históricos; María de los Ángeles Rodríguez Yunta, subdirectora xeral de Comercio do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade; e Nava Castro, directora xeral de Turismo de Galicia.