Rueda comprométese con Lara Méndez a financiar o Museo da Romanización


O presidente Alfonso Rueda comprometeuse coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a financiar o Museo da Romanización de Galicia no cuartel de San Fernando. Un dos obxectivos que a rexedora leva tratando de acadar dende o inicio do seu mandato.

Unha cooperación que se materializará, inicialmente, na financiación do Plan Director e do proxecto de musealización previsto para as instalacións no caso de acadar a subvención solicitada polo Concello con cargo aos fondos do Plan de Recuperación pero que podería ampliarse, como así o matizou posteriormete o propio Alfonso Rueda, á rehabilitación do edificio segundo a achega económica que se reciba por parte do Estado.

O acordo producíase no transcurso da reunión mantida pola rexedora lucense e o presidente autonómico, un encontro que, segundo Méndez "tivo lugar nun clima de cordialidade e que, a pesar da súa intensidade - polo número de temas abordados - resultou ser moi pragmático, fluído e áxil".